A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), en colaboración con BIC GALICIA, organismo pertencente á Consellería de Economía e Industria, vén de inaugurar, esta mesma mañá, o Obradoiro de Dirección Estratéxica Empresarial, dirixido específicamente a formar a directivos e directivas de empresas de novas tecnoloxías da información e a comunicación instaladas noso país.
O taller, que dou comezo ás 10:00 horas desta mesma mañá, impártirase en Santiago de Compostela tódolos venres ata o vindeiro día 8 de outubro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Este obradoiro, segundo palabras do presidente de EGANET, Víctor López, “responde ás necesidades formativas do sector galego das TIC, caracterizado pola súa xuventude e composto por empresas tecnolóxicas de pequeno e mediano tamaño, con perfís profesionais moi técnicos e de alta cualificación pero pouco familiarizados coas tarefas básicas de administración e dirección de empresas”.
Porén, para ampliar os seus coñecementos en procesos de dirección e comercialización empresarial, algo que nunca vén de máis en calquera tipo de empresa e menos se se trata de entidades do sector TIC, un total de 32 asistentes, procedentes de empresas asociadas a EGANET mellorarán as súas capacidades de dirección no devandito obradoiro que se desenvolverá no Edificio Cersia, en San Lázaro.
O programa formativo inclúe 40 horas de formación especializada nas cinco áreas de xestión da empresa: Dirección Estratéxica; Dirección de Marketing e Comercial; Dirección de Operacións; Dirección de Control e Xestión; e Dirección e Xestión dos Recursos Humanos. Os talleres formativos complétanse cunha etapa de mentorización empresarial de seis horas de duración na que o alumnado toma contacto cun mentor con experiencia no mundo da empresa, así como cunha xornada de negocios na que, durante unha fin de semana, se intercambiarán experiencias con outros empresarios, se darán a coñecer as empresas e os seus produtos e/ou servizos, poranse en práctica os coñecementos e pautas establecidas na formación previa e ampliarase a rede de contactos dos participantes.
EGANET inicia hoxe un obradoiro para empresas TIC
Compartir Este Artigo

