O Goberno español, que nos últimos anos veu facendo unha forte aposta por integrar as TIC no día a día de toda a cidadanía, vén de recoller os froitos da colleita ao comprobar que xa leva expedidos un total de 18 millóns de documentos de identidade electrónicos, que facilitarán as relacións en liña da administración con todas as persoas que o posúan. Os datos foron facilitados pola secretaria de Estado de Función Pública, Consuelo Rumí, quen destacou a “firme aposta” do executivo pola Administración Electrónica. Rumi explicou a aposta do Goberno polas novas tecnoloxías “como unha nova maneira de relacionarse coa cidadanía” e de facer a Administración “máis accesible e menos custosa”; coa expedición dos DNIe, 18 millóns de cidadáns e cidadás teñen xa a súa propia “personalidade electrónica”, asegurou. Rumí participou nunha sesión co título A participación dos cidadáns na era do Goberno electrónico: Educación para a Cidadanía e Inclusión Dixital, e nela indicou que hoxe en día a Administración Xeral do Estado permite iniciar calquera trámite ou xestión en soporte electrónico, e que practicamente o cen por cento do volume das tramitacións pode levarse a cabo electronicamente.
Non obstante, admitiu que agora está por afrontar o reto de que os cidadáns coñezan estes servizos e os utilicen, de maneira que é necesario difundir a existencia dunha canle que está aberta 24 horas ao día os 365 días do ano.
Máis de 18 millóns de españois xa teñen o DNI electrónico
Compartir Este Artigo

