Ao servizo de atención ao cliente do que falamos na web de Código Cero hai xa uns meses cómpre engadir a posta en marcha dunha páxina, www.tngo.es, que ofrece na nosa lingua todo o que queiramos saber sobre as solucións que a operadora Iberbanda achega na nosa terra, unhas solucións que se canalizan a través do Plan de Banda Larga da Xunta e, tamén, pola vía do programa que ten activo a Deputación de Pontevedra para levar accesos ás zonas sen cobertura do ámbito principal, o programa Repoblar.
A marca Tngo é o selo co que esta compañía desprega a súa rede no territorio galego e máis en Asturias, comercializando os seus servizos de internet e telefonía.
“Ofrecemos acceso á rede de alta velocidade e telefonía fixa en zonas rurais ou zonas afastadas de grandes núcleos de poboación onde a cobertura dixital non chega ou, de facelo, con baixa calidade e pobres prestacións”, informa Iberbanda na devandita web. A páxina en cuestión, co fin de facilitar o proceso de contratación dos ditos recursos, ofrece mapas de cobertura para fogar e empresas que permiten non só verificar se hai conexión dispoñible de Tngo senón tamén de Iberbanda por enteiro en todo o territorio estatal.
O selo Tngo emprega a tecnoloxía de comunicación sen fíos WiMAX, que posibilita o acceso á Sociedade da Información e á telefonía de xeito independente ás liñas de tipo tradicional. “Se temos unha vivenda ou unha empresa afastada dos grandes núcleos de poboación e aínda así non queremos renunciar a internet de alta calidade, temos logo a solución nas nosas mans”, informa a empresa.
Tngo.es: información polo miúdo sobre a cobertura de Iberbanda na nosa terra
Compartir Este Artigo
