O estudo galego Desoños, do que falamos recentemente en Código Cero para dar conta dos recoñecementos mundiais que están a colleitar os seus traballos, como por exemplo o que veu da man do Web Desing Index 9.0 do ano 2010, vén de subir un novo chanzo na vangarda do sector do deseño e o desenvolvemento gráfico. E faino coa elaboración de Urban-e, a primeira revista en liña de urbanismo, sustentabilidade, paisaxe e deseño urbano. A publicación, máis polo miúdo, ten o seu xermolo na revista académica Urban, que, á súa vez, vén da man do Departamento de Urbanística e Ordenación do Territorio da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid.
O obxectivo, tanto da revista en papel como da súa irmá dixital, é difundir e fomentar o debate urbanístico ao tempo que se establecen pontes entre os planos máis teóricos e a intervención na realidade. Urban-e, informa Desoños dende a súa sede en Vigo, céntrase no territorio, o urbanismo, a sustentabilidade, a paisaxe e o deseño urbano como eidos de traballo, abordando a distintas escalas na construción e a conservación.
A difusión desta revista en liña será, polo tanto, exclusivamente dixital, e recollerá boas prácticas nestas materias, abrindo un escenario de traballo, comunicación e debate para os profesionais do urbanismo, que poderán dar a coñecer o seus traballos. O primeiro dos números, por certo, vai dedicado aos Camiños de Santiago, “facendo mención do patrimonio tanto natural como o construído” en tódalas súas manifestacións de maior interese, engádese dende Desoños. É dicir, “dende o punto de vista arquitectónico, as igrexas aos elementos funcionais como as pontes e outros de carácter etnográfico que van aparecendo no borde do camiño vinculados ás tarefas rurais, a auga…”
Desoños desenvolve a primeira revista en liña de urbanismo e deseño urbano
Compartir Este Artigo
