Televés segue a incrementar a súa presenza alén das nosas fronteiras. Se recentemente falamos nesta web das súas firmes incursións en Polonia e Rumanía, agora toca facelo do seu afianzamento nun dos principais mercados do mundo: o alemán. Segundo fai saber a empresa con sede en Santiago nun comunicado recente, a súa estratexia xermana (que vén de lonxe) xa é máis que oficial. Tanto é así, que estes días recentes inaugurouse na cidade de Köngen (estado federado de Baden-Württemberg) a nova sede filial alemá de Televés, Televes Deutschland Gmb, unhas instalacións que servirán como centro de operacións do “importante incremento da actividade da firma galega no mercado xermano e nos países veciños de Austria e Suíza, permitíndolle á filial alemá de Televés cumprir o seu compromiso de proximidade coa súa crecente carteira de clientes”.
As novas instalacións da división xermana emprázanse nunha parcela de 6.000 metros cadrados e dispoñen cunha superficie de almacén de 3.000 metros e outros 600 metros cadrados de espazos para oficinas e áreas de servizo ao cliente. Segundo engade Televés, inclúen ademais, no seu seo, unha sala de formación con capacidade para 25 persoas e unha ampla sala de mostras e exhibicións. En definitiva, estamos perante unhas dependencias que duplican o espazo ocupado anteriormente pola filial de Alemaña, tanto a nivel físico como no que se refire a medios técnicos.
Como recordaremos, a presenza de Televés no devandito país europeo non é nova. A empresa introduciuse nel a través da compra da firma Preisner, para logo afrontar un proceso de migración cara a marca Televés. Hai dous anos, as vendas de Televes Deutschland medraron nun 8% e nun 12% o ano pasado. Para este período en curso, 2011, o obxectivo é afianzar este ritmo de espallamento, consolidando as vendas nunha taxa do 15%, e grazas sobre todo ao proceso de transición á Televisión Dixital Terrestre, a TDT, e máis á captación de novos clientes.
Televés abre novas instalacións en Alemaña
Compartir Este Artigo
