A editora galega Axóuxere e máis a Universidade Invisible veñen de pór en marcha unha plataforma en liña para darlle azos e acubillo ao debate sobre o 15-M e as súas implicacións e consecuencias. A plataforma Zoopolitik.com, definida polos seus responsables como un espazo aberto de experimentación ensaística, preséntase como unha maneira de tirar o máximo proveito posible do potencial das redes e ferramentas 2.0 como formas de acadar o que ata o agora custaba máis medios e máis esforzos e sen que se obtiveran os froitos desexados: convocar e concienciar. En definitiva, o que se pretende é que o dito movemento teña continuidade, desta volta con feitura de ensaio colectivo.
O libro que resulte destas fórmulas abertas e colaborativas, informan, irá amosándose paseniño. De feito, aparecerá de maneira progresiva en epígrafes e máis en capítulos, “ofrecidos como punto de partida aos cibernautas e co obxectivo de propiciar debates e recombinacións das ideas e dos seus contidos”.
Zoopolitik.com terá carácter interdisciplinar. Os textos iniciais foron redactados por catro membros da Universidade Invisible: os antropólogos Antón Fernández de Rota e Carlos Diz, o sociólogo Martín Cebreiro e o filósofo e blogger Rosendo González, todos especializados no estudo da cultura política e os novos movementos sociais. Segundo nos contan dende Axóuxere, o alicerce da obra é a interpretación histórica do que os impulsores chaman “modos de vida”. Así, opinan que para comprender o que aconteceu dende a Primavera Árabe ata o Occupy Wall Street, pasando polo #15M, “é preciso atender ás transformacións da vida cotiá no último medio século”. A fío de todo isto, a Universidade Invisible aposta con estas e outras iniciativas por unha transformación na produción e divulgación do coñecemento resumida na consigna Write and Share this Book! (Escribe e comparte este libro). E conclúen: “En Zoopolitik, a experimentación con formas participativas de escrita vai acompañada por unha crítica da figura do copyright e a privatización dos saberes; garantida esta experimentación e esta participación pola licenza creative commons, defensa do dereito a compartir que é a mesma que fai súa a editorial independente Axóuxere”.
En marcha Zoopolitk.com, web galega para crear o gran libro participativo do 15-M
Compartir Este Artigo
