Durante anos Steve Jobs teimou na súa oposición á integración do Adobe Flash Player nos dispositivos móbiles da súa compañía, por asegurar que achegaban unha mala experiencia móbil, o que chocou co lanzamento do reprodutor de Flash para boa parte dos smartphones dos seus competidores, pero resultando evidente que non era unha tecnoloxía pensada para equipos de reducidas dimensións e para pantallas táctiles, polo que non debería sorprender o anuncio de que Adobe vai abandonar o desenvolvemento do seu Flash Player para móbiles.
É ZDNet a publicación que está a dar conta deste anuncio, no que Adobe aseguraría que:
O noso traballo futuro en Flash para dispositivos móbiles enfocarase en permitir a desenvolvedores de Flash o empaquetado de aplicacións nativas con Adobe AIR para a principais tendas de aplicacións. Non volveremos a adaptar o Flash Player de dispositivos móbiles a novos navegadores, sistemas operativos ou configuracións de dispositivo. Algunhas das nosas licenzas de código permitirán continuar continuar o traballo e lanzar novas implementacións de seu. Continuaremos a atender ás actuais configuracións para Android e PlayBook con actualizacións de seguridade e corrección de fallos críticos.
Queda así claro que Adobe abandona o Flash Player móbil, e centrará o seu traballo na creación de aplicacións móbiles coa súa tecnoloxía, confirmando a aposta no HTML5, reforzada nos últimos meses con distintas ferramentas.
ACTUALIZACIÓN: Adobe confirma oficialmente o cesamento do desenvolvemento do Flash Player para móbiles.
