Os reprodutores multimedia de Apple e a tenda iTunes tiveron un forte impacto na industria musical, pero os contidos dixitais non pararon aí, e cada vez afectan a máis ámbitos (cine, televisión, libros…) e incluso poderían estar a provocar un pronunciado cambio de tendencias en sectores como o das consolas de videoxogos portátiles, xa que un informe de Flurry sostén que este mesmo ano nos EE.UU. os xogos para iOS e Android superaron pro primeira vez aos de PSP e Nintendo DS en ingresos económicos.
Estes datos non só significan que os xogos para móbiles dispararon as súas vendas dun xeito considerable, senón que tamén poñen en perigo o modelo de negocio das consolas portátiles, xa que teñen establecidos uns prezos relativamente axustados para as consolas e uns prezos bastante elevados para os seus xogos (por exemplo, os xogos novos para Nintendo 3DS superan os 40 euros en España), mentres que en dispositivos móbil é doado atopar xogos a 0,79 euros, que reducen as súas marxes de beneficios para vender millóns de unidades.
Compañías como Nintendo insisten en que a fórmula dos xogos baratos non é sustentable para os estudos cos que traballan, pero resulta innegable que existe un solapamento entre usuarios de consolas e móbiles, polo que a competencia entre ambos modelos podería endurecerse nos vindeiros meses agora que os xogos para iOS e Android facturan 1.900 millóns de dólares nos EE.UU. (fronte aos 550 millóns de dólares de 2009).
Os xogos para iOS e Android superan aos de consolas portátiles nos EE.UU.
Compartir Este Artigo
