O Goberno galego aprobou hoxe o Decreto polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co obxectivo de consolidar un modelo de xestión integrado das TIC na Administración autonómica. A creación da Axencia permitirá unha maior eficiencia e unha redución de gasto ao integrar os recursos humanos, materiais e orzamentarios da área tecnolóxica de todas as consellerías e diferentes entidades departamentais da Xunta baixo unha mesma dirección e con custo cero.
Tras o consello do Goberno autonómico celebrado na Delegación da Xunta en Ourense, o presidente Alberto Núñez Feijoo subliñou que a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica agrupará baixo unha única dirección e ubicación a todos os tecnólogos informáticos da Administración Autonómica, e permitirá un aforro anual de 20 millóns de euros, asegurando que adoptouse esta decisión como “unha aposta en firme pola modernización da nosa Comunidade, unha aposta en firme pola austeridade e unha aposta en firme por seguir facendo máis con menos na Administración autonómica”.
Na súa comparecencia ante os medios, Feijoo enmarcou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica no compromiso da Xunta con “evitar duplicidades, mellorar a eficiencia na Administración Pública e facer máis con menos”. Lembrou que meses atrás xa se deron os primeiros pasos, “ao iniciarse os trámites para substituír os máis de 80 centros de procesos de datos que ten a Xunta de Galicia e ubicalos nun único centro de proceso de datos nun dos edificios da Cidade da Cultura”.
Feijoo remarcou que se trata da primeira creación dunha axencia única en materia tecnolóxica en 30 anos de historia autonómica, poñendo baixo a mesma dirección a 560 tecnólogos, suprimindo 15 departamentos administrativos e acadando un aforro de espazo do 40% e de custos do 20%, é dicir, 20 millóns de euros anuais.
O proceso de creación da Axencia de Modernización Tecnolóxica desenvolverase en tres fases, a primeira das cales comezará de xeito inmediato e consistirá na integración na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dos departamentos de informática da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa previsión de rematar en marzo de 2012.
En segundo lugar, ao longo do resto do ano 2012, integraranse os servizos informáticos de sete consellerías máis: Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Educación e Ordenación Universitaria, Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, Medio Rural e Mar. Para un último prazo deixarase, nos anos 2013-2014 a integración da tecnoloxía sanitaria e a orzamentaria.
Apróbase a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Compartir Este Artigo
