
A estes premios concorreron 74 empresas, entidades e profesionais cun total de 192 candidaturas, aínda que na cerimonia de entrega dos premios limitouse a presenza aos finalistas das distintas categorías, todas de grande interese pola súa proxección empresarial e a súa innovación, servindo de exemplo do bo traballo que está a realizarse dende o sector na nosa comunidade. Tamén cómpre destacar o labor do xurado, que tivo que avaliar numerosas candidaturas e demostrou unha vez máis o seu bo facer pola imparcialidade e calidade que caracterizan a estes galardóns.

A Mellor Aplicación de software elixida polo xurados dos premios foi BayDICOM Media de Bahía Software, ferramenta que permite a importación e exportación de imaxe médica dixital en soportes físicos, que actualmente empregan o Instituto Catalán da Saúde, o Hospital Santa María de Lleida ou a Fundación Hospital Asil de Granollers (e que recibiu outro importante recoñecemento este mesmo mes). Tamén se recoñeceu a calidade do resto de finalistas nesta categoría: a aplicación web para a planificación, monitorización e control de proxectos LibrePlan de Igalia (anteriormente coñecida como NavalPlan), o proxecto de innovación social de InfoJC Un Mundo Accesible e a ferramenta de cálculo de illamentos acústicos SONarchitect ISO de Sound of Numbers.
Moi rifada estivo a categoría de Proxecto de Negocio Online, na que resultou gañadora a iniciativa de Elo Technologies coñecida como BuyDeal (considerada como a Groupon galega), pero sen chegar a ensombrecer proxectos tan ambiciosos como a plataforma de crowdsourcing para producións audiovisuais Wecoop emprendida por Continental Producciones, a plataforma web de contidos dixitais Meubook ou a páxina web Menus.es, das que demos conta nos últimos meses, e que todas esperaron bastante interese social.

O último dos premios a concurso correspondía ao Proxecto Empresarial TIC, ao que optaron Elogia, a Factoría de Software e Multimedia (nacida de Imaxín Software), La Nautica Servicios Nauticos e Visual Publinet, recaendo o recoñecemento en Elogia, que sería a única empresa en recibir dous premios nesta edición.
Para fuxir do lado máis empresarial desta gala, fíxose entrega dun Premio Especial EGANET, para recoñecer o labor da Fundación Foltra, entidade privada sen ánimo de lucro que presta axuda á rehabilitación física e intelectual de pacientes con danos neurolóxicos ou con calquera outro tipo de patoloxía que este ano fixo unha aposta decidida polo uso da TIC incorporando á súa estrutura un Centro Virtual, unha Aula Virtual e unha intranet/extranet, que contribúen á vertebración da prestación de servizos que ofrecen, tanto ás familias coma aos centros colaboradores.

A gala presentada por Susana Alvite (Hexis Comunicación) e o que subscribe, Marcus Fernández (Código Cero), contou co financiamento da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e os fondos FEDER, que fixeron posible o correcto desenvolvemento dun acto que pon o broche a un ano no que o sector TIC galego demostrou estar máis vivo que nunca.
O Premios EGANET serviron de escaparate da profesionalidade do sector TIC galego
Compartir Este Artigo
