Pedro J. Ramírez, director do diario El Mundo, anunciou a través de Twitter que o seu xornal publicarase os 366 días de 2012 xa que o 1 de xaneiro terá unha edición que, aínda que non se distribuirá en papel, estará dispoñible a través de Orbyt. Deste xeito, El Mundo seguiría os pasos do The Sunday Times, que o pasado domingo, día de Nadal, contou con edicións para iPad e Android, o que nunca fixera esta publicación con preto de 190 anos de idade, rachando o acordo ao que chegaron os editores británicos de xornais en 1912 de non publicar en tal data.
A plataforma de distribución dixital Orbyt permitirá que El Mundo publique unha edición o 1 de xaneiro por primeira vez na súa historia, o que supón unha importante aposta da cabeceira por este medio.
Aproveitan a ocasión para lanzar unha oferta especial que permite a subscrición anual a través de Orbyt a El Mundo, Marca e Expansión (incluíndo as revistas e suplementos das 3 publicacións) por 99 euros (cando o prezo ordinario sería de 178,99 euros) ata o último minuto do ano. Os subscritores de Orbyt tamén poderán gozar de ópera en directo de balde (a través do Palco Dixital do Teatro Real), dun partido de Liga de balde cada xornada, dos contos de Disney ou de ata 10 xogos de mesa de Hasbro, así como participar en sorteos e ofertas da sección Dutyfree, elementos que serven de reclamo e fidelización do que esperan que sexa a distribución do futuro para a prensa.
El Mundo publicarase o vindeiro 1 de xaneiro grazas a Orbyt
Compartir Este Artigo
