O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, compareceu hoxe no Parlamento para informar sobre o plan de desenvolvemento dixital da Biblioteca de Galicia, a situación actual e as súas posibilidades tanto na nosa comunidade como na súa proxección exterior. O director xeral anunciou que Galicia, a través da Biblioteca Dixital Galiciana, contribuirá a engrosar o catálogo da World Digital Library con algúns dos seus contidos “para integrar o galego e a nosa cultura na oferta global deste proxecto”. A World Digital Library é un proxecto auspiciado pola UNESCO e dirixido pola Library of Congress dos Estados Unidos. Esta é unha das principais bibliotecas do mundo, punteira en temas tanto dixitais como tecnolóxicos e documentais.
Segundo Francisco López, a misión fundamental desta World Digital Library é “a promoción e do entendemento e intercambio intercultural, expandir o volume e variedade de contido cultural en Internet, diminuíndo as barreiras entre culturas e países e facilitando os recursos educativos a educadores e estudantes”. Para o director xeral, a participación de Galicia neste proxecto representa “unha oportunidade única que complementa e amplía a política de presenza en plataformas internacionais xa iniciada coa nosa integración en Europeana”. Deste xeito, Francisco López explicou que Galiciana é un sistema de almacenamento, xestión e difusión dixital impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo que ofrece aos usuarios unha gran colección en rede de reproducións dixitais de documentos orixinais de bibliotecas de Galicia.
Galiciana, ao igual que Europeana, “pretende ampliarse a entornos culturais como arquivos e museos, tratando de seguir a política xa iniciada pola Comisión Europea, que vendo o bo resultado que adquiría o proxecto Digital Libraries, ampliou o contido deste”. En primeiro lugar incluiranse os arquivos e museos, en xeral o patrimonio moble e inmoble, e con posterioridade tamén ós artigos e proxectos de investigación, coñecidos habitualmente como e-prints. Desde un único portal, e a través de criterios de busca sinxelos e asumibles para calquera usuario, unha única solicitude de información, (o nome dun personaxe galego, por exemplo), poderá conducir tanto a material dixital procedente de bibliotecas, como obras impresas, biografías, fotografías, gravados, etc., como a material arquivístico (escrituras, documentos xudiciais ou económicos) e mesmo material museístico, que tivesen relación co personaxe solicitado.
O director xeral explicou que de cara o futuro vaise a traballar na visibilidade da cultura galega, “para conseguir que a nosa cultura non so sexa facilmente accesible ós estudosos e investigadores do país, senón que tamén que o sexa para calquera usuario de calquera punto do mundo”. Deste xeito, ós documentos tanto impresos como sonoros ou audiovisuais que conteñen o noso patrimonio histórico, serán accesibles a través da rede de forma libre e gratuíta, a través de iniciativas como a dos Arquivos Abertos.
O director xeral do Libro informou ao Parlamento dos obxectivos de Galiciana
Compartir Este Artigo
