A Consellería de Economía e Industria, a través do IGAPE, vén de poñer a disposición dos empresarios e emprendedores galegos a Biblioteca Práctica de Innovación de Galicia Aprende a innovar, unha ferramenta enliña que ten por obxectivo contribuír á difusión de ideas innovadoras para facilitar a mellora competitiva das empresas. Nesta colección dixital, á que se pode acceder vía web, ofrécese de xeito gratuíto uns 20 títulos dispoñibles en galego e castelán tanto para iPad ou libro electrónico como en PDF.
Na biblioteca, a disposición dos empresarios e emprendedores que se rexistren na web do IGAPE grazas á colaboración coa editorial galega Netbiblo e na que xa se produciron máis de mil descargas, abórdanse catro temáticas interrelacionadas: a xestión da innovación, a incorporación da tecnoloxía, o financiamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade.
No eido referido á xestión da innovación están dispoñibles títulos como Os Clusters, de Javier García Díez, centrado na cooperación empresarial como factor clave de mellora competitiva; ou O ABC da innovación, de Juan Vicente García Manjón e Javier Alfonso Rodríguez Escobar. Entre os textos ofertados no ámbito da tecnoloxía están Biotecnoloxía, de Juan P. Duque, centrado nun dos sectores punteiros da innovación ou Provedores de coñecemento, de Javier González Sabater, así como Web 2.0, de José Luis Marín de la Iglesia.
No ámbito do financiamento, na biblioteca inclúense publicacións como Business Angels, de Pablo Martínez García e José Gabriel García Ortega; I+D+i en Europa, de Manon van Leeuwen, que achega unha introdución ao VII Programa Marco da UE; ou Start-ups, de Isidre March Jorda. No que respecta aos eidos do capital humano e a creatividade atópanse publicacións como Faino distinto, de Santiago Sousa Carreira ou e As 3R do seu negocio, de Fernando Sáenz-Marrero Fernández, con conceptos, ferramentas e casos de referencia que poden axudar a re-pensar, re-deseñar e re-emprender nun negocio.
Novos recursos formativos en liña que emprendedores e profesionais melloren a competitividade dos seus negocios
Compartir Este Artigo
