Organizado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, CNTG, o vindeiro 1 de marzo, de 16:30 a 19:30 horas, desenvolverase nas dependencias do devandito centro compostelán un seminario técnico sobre funcionamento de VPNs baseadas en IPsec que teñen como obxectivo a protección de datos utilizando protocolos tunneling. A xornada, informan fontes deste centro dependente da Consellería de Traballo, encamíñase sobre todo a persoal técnico das áreas de informática, electrónica e telecomunicacións. Inclúense neste perfil, engade o CNTG, os analistas e administradores de sistemas, enxeñeiros de software, técnicos de operación e mantemento, administradores de bases de datos, programadores etc.
Como valor engadido do seminario, engaden os organizadores, aquelas persoas que asistan ao mesmo, o soliciten expresamente ao remate da charla e estean en posesión duns coñecementos técnicos mínimos, poderán asistir a un obradoiro práctico, cun máximo de 15 asistentes e con equipamento Cisco, onde se afondará con meirande detalle nos conceptos desenvolvidos na xornada.
O relator do evento formativo será Miguel Valencia, formador do grupo Academia Postal do programa Cisco Networking Academy, instrutor certificado CCAI, con experiencia no fornecemento de cursos CCNA e CCNP e colaborador habitual deste centro. Está en posesión das certificacións CCNA, CCDA, CCNP e LPIC-1.
O acceso, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo del local. Para obter un certificado de asistencia ao acto será obrigatoria a previa inscrición no mesmo.
O prazo de inscrición estará aberto ata o día 29 de febreiro.
O CNTG acolle en marzo un seminario sobre seguridade en redes VPN
Compartir Este Artigo
