Esta semana tivo lugar en San Francisco o SF MusicTech Summit, encontro que acadou certa relevancia internacional polo feito de que foi elixido por Bram Cohen, autor do protocolo para compartir contidos na Rede BitTorrent, para probar a tecnoloxía BitTorrent Live, que pretende facilitar que calquera poida emitir vídeo en directo a millóns de usuarios de todo o mundo (algo para o que non están preparados os protocolos actuais) de balde ou a un prezo moi deducido, o que sería ideal para a transmisión de encontros deportivos, concertos, conferencias, programas de televisión… no que podería considerase como o vídeo do futuro.
Cohen considera que o modo de consumir contidos televisivos vai manterse no tempo, pero a infraestrutura física de transmisión dos sinais está inevitablemente destinada a desaparecer, pois o seu traslado á Internet suporá un importante aforro en satélites, cables e antenas repetidoras. Para facer tal salto asumible Cohen leva 3 anos a traballar en BitTorrent Live, intentando superar o reto de permitir a emisión de vídeo cun retardo reducido (o estado actual do protocolo pode operar con menos de 5 segundos de retraso).
Actualmente están a traballar na elaboración dun SDK de BitTorrent Live e tamén están a procurar contactar con editores de contido que queiran probar esta tecnoloxía para as súas emisións na Rede dun xeito económico.
O creador de BitTorrent quere revolucionar as transmisións en directo na Rede
Compartir Este Artigo
