Microsoft vaise de xira. Así nolo fixo saber esta semana, dando conta de tódolos detalles do seu programa itinerante Impulsando PEME, unha rolda estatal de traballo e de encontros profesionais que arranca en Euskadi, o 21 de febreiro no pazo Euskalduna, e remata en Palma de Mallorca, o 28 de marzo, logo de pasar por Valladolid, Santander, Xixón e por unha cidade que nos colle ben de preto: Vigo. Por certo que esta cita galega será o 20 de marzo, no auditorio da Casa do Concello. Na xira participarán 18 empresas, entre as que se atopan ONO, a Escola Europea de Negocios, Prisa, HP ou APD.
O gran obxectivo da multinacional de Windows é amosar ás PEME españolas ata que punto a súa tecnoloxía “pode axudarlles a reducir os seus custes e aumentar a produtividade e o rendemento”. O programa de actividades conta tamén co apoio de Avalon Rede de Expertos, que é quen organiza Impulsando PEME. Para as empresas, sinala con motivo da presentación desta xira Juan José Amor, director da división de Pymes e Partners de Microsoft Ibérica, “conseguir aforros de custes e aumentos de produtividade e rendibilidade é clave para ficar no mercado; o uso das tecnoloxías da información resulta crítico para acadar isto e evolucionar cara a un modelo na nube que permitiría reducir gastos e mellorar a flexibilidade, ademais de facer máis doado o emprego das TIC”. Segundo sinalou, as ferramentas de produtividade na nube de Microsoft están xa dispoñibles dende 5,25 euros ao mes ofrecendo colaboración, comunicacións unificadas e un gran abano de solucións e vantaxes para as pequenas e medianas empresas: dende o sistema operativo pasando por solucións ofimáticas ata solucións para servidores e para software de xestión empresarial.
Microsoft estará o 20 de marzo en Vigo para dar conta das súas novas solucións para a PEME
Compartir Este Artigo
