O Centro Multimedia de Galicia, en Santiago, acolleu este mércores 22 a presentación dunha ferramenta desenvolvida para amplificar ao máximo a información que temos sobre a Televisión Dixital Terrestre. E todo a través dos nosos dispositivos móbiles con sistemas iOS e Android. En realidade, do que se trata non é de achegarnos información xeral senón ben específica. A través de iTera, así se chama esta aplicación aberta e de balde, teremos no dispositivo datos detallados sobre a cobertura de TDT do lugar no que nos atopemos, achegándosenos, entre outras cousas, a posibilidade de facer os axustes precisos na antena para tirar partido do emisor que mellor que nos acaia.
A ferramenta iTera, presentada no CMG polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, foi desenvolvida para teléfonos móbiles de nova xeración, smartphones e tablets. Malia que calquera cidadán galego pode darlle uso (sobre todo á hora de saber o servizo de emisión de sinal co que contamos e cal sería a disposición exacta do equipo de recepción), está especialmente dirixida a técnicos e instaladores de telecomunicación. E tamén, como comentaron os propios instaladores presentes na presentación de iTera, para fabricantes de equipamento de telecomunicacións, distribuidores, construtores, etc. Amais de achegar información sobre o grao de cobertura de TDT do lugar no que nos atopemos, tamén subministra datos sobre as canles que se reciben, os centros emisores que nos prestan o servizo e a configuración e orientación da antena. A aplicación iTera, en cuxa presentación tamén participou Ignacio Otero (subdirector xeral de Enxeñaría e de Planificación de Telecomunicacións da Xunta), baséase no emprego de tecnoloxías de realidade aumentada, que, combinada co GPS, a cámara de fotos do móbil e máis a súa capacidade de conexión ás redes, permite ver na pantalla do teléfono a relación cos centros emisores de TDT, “incluíndo tódolos datos técnicos e o grao e nivel de sinal de cada un dos múltiplex dixitais, e dando ademais unha información moi precisa sobre a TDT para calquera punto de Galicia”, sinalaron os responsables do desenvolvemento no CMG.

Simplificación da información
Segundo fixeron saber, a aplicación iTera terá un importante potencial nos vindeiros meses, “xa que cidadáns e empresas instaladoras de telecomunicación poderán simplificar moito a información e antenización dos fogares debido aos cambios de frecuencias da TDT do chamado Dividendo Dixital que se producirá a partires deste ano”.
Como sinalou Cabaleiro, terá moita capacidade de uso no eido rural, “identificando dun xeito máis concreto as zonas onde se producen interferencias, de pouca calidade de recepción e que terán que acceder ao servizo a través da solución satélite”.
Na presentación da aplicación tamén participaron o director xerente de Retegal, José Ángel Abeal, e a presidenta da Asociación Galega de Instaladores de Telecomunicacións, Susana Vila.
Declaracións do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro
En marcha a aplicación iTera para ofrecer nos móbiles información exacta sobre a cobertura galega de TDT
Compartir Este Artigo
