Dende Chuza! informan estes días da posta en marcha dun novo espazo na Rede galega para achegármonos á nosa música, gozar dela e, a maiores, amosarlla ao mundo. O novo recanto en liña, chamado RecunchoRock, vén con feitura de radio-blog, e preséntase perante a comunidade como unha ferramenta útil para achegármonos á riqueza creativa dos nosos grupos. O abano de cousas que nos ofrece é amplo (novidades, concertos, novas chegadas ao mundo musical, radio, servizo de chat), e aínda que semella feito para emprestarlle especial atención ás agrupacións da nosa terra, tamén abre xanelas e ligazóns coas achegas representativas de outras xeografías.
O blog, posto en marcha por Fitinho, ten ligazón a Radio Chuza! Estes días o sitio está a presentar todo tipo de traballos desenvolvidos dende a independencia artística, como por exemplo o novo dos barceloneses Crisix ou dos galegos Raiba. Tamén se nos axuda a ir dándolle forma a unha axenda de concertos e festivais, que xa se albiscan ao lonxe os máis senlleiros.
RecunchoRock: novo radio-blog centrado en amosarlle ao mundo a música galega
Compartir Este Artigo
