A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, informando sobre os avances na historia clínica electrónicaO Servizo Galego de Saúde vén de facer un novo reconto do acadado a través da implantación das novas tecnoloxías dixitais nos planos de administración, da xestión e da comunicación cos cidadáns. Os datos foron dados a coñecer este mércores 28 pola conselleira, Rocío Mosquera, no Parlamento de Galicia. Segundo fixo saber, o uso da historia clínica electrónica, IANUS, “experimentou no 2011 un crecemento do 39% en usuarios, chegado aos 14.000 profesionais sanitarios, e dun 50% no número de accesos, acadando os 2,5 millóns”. Ademais, sinalou, están conectadas ao sistema de e-receita o 100% das farmacias e o 98,48% dos centros de saúde, e benefíciase deste sistema o 99,7% da poboación. “Por iso”, engadiu, “foi posible que, no mes de decembro de 2011, o 93% das dispensacións foran feitas mediante o sistema de e-receita (receita electrónica)”. A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, informando sobre os avances na historia clínica electrónicaPolo que respecta aos servizos de telemedicina, dixo que se duplicaron dende 2009. A día de hoxe, puntualizou, o 98,5% dos centros de atención primeira poden usar estes recursos, sendo do 230 o número de centros que achegan visualización da imaxe dixital dende IANUS. No que atinxe á distribución dos labores, Mosquera fixo saber que a receita electrónica fixo posible que a taxa de consultas administrativas en centros de primaria descendera “de xeito considerable”. En 2009, dixo, de case 27 millóns de consultas, “foron administrativas 5,5 millóns, o que supón o 20%; no 2011, o número de consultas descendeu a 25 millóns, maiormente a conta das administrativas, que baixaron a tres millóns, o que supón o 12% das consultas”.