A Rede preséntase ás veces como unha galería onde se amosan obras diversas e, tamén, a propia páxina web que complementa e dá acubillo a esas obras. Da man da fotógrafa fisterrá Lucía Costa chéganos estes días luciacosta.es, un exemplo de exposición persoal dunha obra concreta, a súa, na que se mesturan os compoñentes creativos do contido en si mesmo e máis do propio continente: o deseño. A páxina en cuestión é filla do seu tempo, con múltiples xanelas ás máis variadas ferramentas sociais e acubillos 2.0, e dende o punto de vista dos contidos, fai honra ao apelido da súa autora: lévanos da man ás múltiples posibilidades expresivas que achega o mar, e para que non quede dúbida, o internauta ten a compaña do bater das ondas nos seus altofalantes.
A obra de Lucía, como dixemos moi vinculada ao noso mar e ás súas xentes, preséntase con forma de árbore: o tronco é a fotografía. A partir de aí, temos diferentes polas principais (fotografía, deseño gráfico e deseño web) e polas secundarias (retratos, vodas, books, obra de autor, restauración, papelería, imaxe de marca para empresas e entidades, web avanzada, web clásica, web profesional, servizos en liña, etc).
Unha das seccións que máis entronca co noso pasado é a dedicada á restauración de imaxes antigas, unha liña de actividade a prol da recuperación da nosa memoria que, tal e como temos sinalado dende esta web (con exemplos como Enred@ndo as lendas ou o sitio da nosa arquitectura tradicional), ten gran potencial para conseguir o que non conseguen unha chea de actividades formativas e de divulgación: facer comprender para que serven as ferramentas dixitais entre as persoas que aínda non o saben.
Luciacosta.es: nova web galega para tirarlle o máximo partido ás posibilidades da fotografía e o deseño
Compartir Este Artigo
