Este xoves 5 de xullo comeza finalmente en Vigo a quinta edición do Congreso Internacional da Asociación de Empresarios Novos de Galicia (AJE Galicia), unha xuntanza que se desenvolve durante dúas xornadas e que como dixemos os días pasados contará coa presenza de salientables persoeiros dos eidos do emprendemento, a reflexión tecnolóxica, a innovación creativa ou a comunicación. É o caso de Jesús Calleja, Carlos Jean, Richard Stallman ou Pili Carrera, que lideran o cartel de relatores. O evento Talento Creativo en Rede celebrarase no auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo e contará, case con toda seguridade, coa participación directa de máis de 500 asistentes (na edición anterior, congregáronse 300 participantes de España e Portugal).
O obxectivo da organización é o seguinte: ofrecerlle á mocidade emprendedora galega ferramentas e coñecemento para tirar o máximo partido das novas tecnoloxías da información como alicerce e apoio para a creación de negocios de éxito. Para a presidenta da asociación autonómica, Patricia García, “a presenza de relatores tan salientables como Jesús Calleja, coñecido pola realización de programas televisivos como Desafío Extremo e experto en dirección de equipos, e Richard Stallman, creador do sistema operativo GNU/Linux e especialista en desenvolvemento de negocios baseados nas tecnoloxías abertas da información, garante un evento de alto nivel a través do que se vai fornecer aos asistentes de ferramentas para redescubrir a potencialidade das TIC como base e apoio para a posta en marcha de iniciativas de éxito”. Os novos empresarios de Galicia, apunta, saben que a colaboración, a innovación e a formación son fundamentais para a viabilidade dos seus proxectos, e máis nesta época, “por iso este ano teremos obradoiros para fomentar a creatividade, o intercambio empresarial e a innovación a partir dos novos modelos de negocios que se crearon ao abeiro das novas tecnoloxías”.
O congreso de AJE Galicia que comeza este xoves en Vigo reunirá a máis de 500 participantes
Compartir Este Artigo
