A estas alturas xa non é ningún segredo que a aplicación de mapas de iOS 6 é unha das maiores desfeitas na historia de Apple, prexudicando seriamente a imaxe da compañía, o que levou hoxe a Tim Cook a publicar unha carta aberta na páxina web da compañía para desculparse ante os seus clientes recoñecendo que non foron capaces de entregar a mellor experiencia posible aos usuarios e asegurando que están a traballar para facer a aplicación de mapas mellor.
Cook non admite que a aplicación de Apple Maps sexa unha ferramenta creada para poder afastarse de Google, compañía que está a convertese nun competidor demasiado forte, senón que asegura que só buscaban mellorar a aplicación integrándolle navegación GPS, voz, mapas vectorizados e vistas aéreas, para o que optaron por facer unha aplicación dende cero.
Actualmente hai xa máis de 100 millóns de dispositivos coa nova aplicación instalada, e Cook asegura que canto maior sexa o seu uso, máis mellorará a ferramenta grazas ao feedback recibido, pero mentres a aplicación non estea á altura do esperado fai unha recomendación un tanto curiosa: facer uso de aplicacións de mapas da App Store (como Bing, MapQuest e Waze) e incluso utilizar os mapas de Google e Nokia accedendo aos mesmos a través do navegador web.
Esta desculpa ten certos paralelismos coa polémica que xurdira co lanzamento do iPhone 4, e os problemas de recepción que tiña o terminal, levando a Apple a ofrecer un reembolso de 15 dólares ou unha funda protectora de balde, pero nesta ocasión a compañía de Cupertino non parece ser tan xenerosa, e limítase a unha desculpa e a recomendar alternativas, pois estamos ante un problema de software máis doado de evitar que un fallo no deseño da antena interna dun móbil.
Tim Cook pide desculpas polo aplicación de mapas de iOS 6
Compartir Este Artigo
