O portal para a literatura galega traducida ao inglés, galicianliterature.com, conta dende esta semana con novas incorporacións. Máis polo miúdo as de Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro, que xa amosan na dita web unha relación das súas obras e os seus argumentos e (en breve) anacos traducidos das súas principais achegas. O obxectivo do sitio: favorecer a proxección internacional da literatura galega. O portal, impulsado pola Secretaría Xeral de Cultura, foi posto en marcha este ano con información sobre o autor Agustín Fernández Paz e cunha tradución dun fragmento da súa obra Aire negro.
Segundo informa a Secretaría, en datas vindeiras estarán dispoñibles no portal traducións de fragmentos das obras dos escritores que se acaban de incorporar, “para poder dar a coñecer unha pequena, pero significativa, mostra dos seus traballos literarios”.
Nos poucos meses que leva en funcionamento, Portico of Galician Literature recibiu visitas de 41 países, sobre todo o Reino Unido, Estados Unidos e España, pero tamén Alemaña, Brasil, Irlanda ou a India. As páxinas dedicadas a Agustín Fernández Paz foron vistas máis de 1.200 veces.
Novas incorporacións ao Portal da Literatura Galega en inglés
Compartir Este Artigo
