O Ministerio de Industria vai axudar a máis de 300 locais hostaleiros rurais de once comunidades, incluída a galega, a incorporar as novas tecnoloxías da información no seu seo. A iniciativa canalizarase a través de Red.es, que publicará os vindeiros meses unha segunda convocatoria de axudas para “continuar apoiando a incorporación de tecnoloxía no meirande número de empresas do sector”. O orzamento das dúas quendas de axudas é de 6,8 millóns de euros.
O número exacto de autónomos e PEME que se van beneficiados da primeira entrega orzamentaria do programa Aloxamentos Conectados é de 327. Pertencen a Galicia, Asturias, Castela e León, Navarra, Aragón, Estremadura, Castela A Mancha, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía e Canarias. En total, houbo 710 solicitudes entre abril e xuño de 2012.
Esta non será a derradeira oportunidade para que as nosas empresas do rural accedan a estes incentivos. De feito, nos vindeiros meses abrirase unha nova convocatoria cos mesmos obxectivos cá primeira: impulsar a innovación nas áreas fundamentais da cadea de valor do sector turístico: reservas, xestión da estancia, promoción, atención postventa, negocios en Internet, etc. En termos concretos, as empresas beneficiadas reciben solucións e servizos TIC para mellorar a súa actividade, tanto para a xestión da propiedade ou para mellorar a súa presenza web como para adoptar no seu seo servizos de marketing en liña.
Industria impulsa a integración das TIC en máis de 300 establecementos do rural
Compartir Este Artigo
