Para quen cría que non había futuro para a comunicación en galego, que escoite a mensaxe do grupo de estudantes de Ourense que veñen de unir forzas ante “a situación de aldraxe que vive o xornalismo na nosa lingua”. Para comezar a xeira de actividades, e ante a imposibilidade de rehabilitar in situ unha casa abandonada, a do semanario A Nosa Terra, ergueron unha nova A Nosa Terra, agora en formato blog e cunha arela de protesta contra un feito concreto, a liquidación do dito medio de comunicación galego polo xulgado do mercantil, e contra outro feito que se mantén no tempo: a imposibilidade de acceder aos fondos de A Nosa Terra na Rede.
Dende Galicia Confidencial engaden: “O seu propietario, a Construtora San José de Jacinto Rey, eliminou todos os contidos, así como os de Xornal de Galicia, e malia que a empresa editora de ANT Promocións Culturais Galegas xa non existe, Rey é, en principio, o propietario da marca A Nosa Terra”. O novo blog abriu as súas portas o pasado xoves, integramente en galego e da man dun colectivo de estudantes do Colexio Plurilingue Divina Pastora de Ourense.
A idea básica é por en marcha un novo semanario, desta volta dixital, baixo o nome de A Nosa Terra e co propósito de “reactivar o xornalismo en galego, e amosar que a mocidade galega ten un férreo compromiso coa lingua e coa cultura de Galicia, e un gran interese polo seu arredor”.
En marcha un novo blog que retoma o espírito do desaparecido A Nosa Terra
Compartir Este Artigo
