O sector TIC da Unión Europea dá acubillo, a día de hoxe, a 6,6 millóns de profesionais. As empresas tecnolóxico-dixitais, malia non representar o groso do tecido produtivo, achegan unha taxa de produtividade que está moi por enriba do que achegan outros sectores de meirande presenza: unha taxa do 40%. Tendo en conta isto, o seu potencial para reactivar a economía é ben alto, ao igual que a enerxía que atesoura en materia de eficiencia e sustentabilidade. Isto último é a base temática do Congreso TIC para a Sostibilidade (ICT for Sustainability Conference) que se desenvolve do 14 ao 16 de febreiro en Zúric, Suíza. O evento é unha mostra do interese que ten arestora a Unión Europea para acadar, pola vía das TIC, que a economía sexa máis rendible e vele, ao mesmo tempo, pola preservación do medio. Cómpre tomar nota.
Segundo nos contan dende o portal Emprendia da USC, as institucións europeas están cada día máis convencidas do poder das novas tecnoloxías non tanto para cambiar o mundo como para garantir un futuro máis eficiente enerxeticamente falando. O evento, engádese, achegará unha oportunidade para debater sobre o poder de transformación que acubillan as novas ferramentas en canles do coñecemento no camiño de aumentar a sustentabilidade da sociedade, a través de cuestións como o aforro de recursos enerxéticos e materiais coa creación dun valor engadido cun uso reducido de recursos naturais limitados e o aumento da calidade de vida para todos sen pór en perigo a capacidade das xeracións vindeiras para cubrir as súas necesidades.
Por último, informar que a conferencia ICT insírese nunha corrente que na nosa terra, grazas a iniciativas como Green, na que traballan xa o operador público galego Retegal, Itelsis, Gowex, GST e Gradiant. O seu obxectivo concreto, como lembraremos, é acadar que a rede dun operador de telecomunicacións sexa moito máis eficiente, “reducindo o consumo enerxético dos equipos empregados e optimizando o uso do espectro radioeléctrico, conseguindo así un importante aforro de custos na prestación de servizos do operador”, informou no seu día Retegal.
O potencial do sector TIC europeo para evitar na medida do posible o quecemento da Terra, a debate en Zúric
Compartir Este Artigo
