
Ayán recórdanos que o proxecto, malia todo, naceu hai dous anos para cubrir un baleiro ben definido: o dunha ferramenta específica e realmente útil para o viaxeiro. Logo disto, veu unha etapa de investigación e, paseniño, foi medrando a idea de converter o proxecto dun negocio, tal foi o potencial de mercado que desenvolveu. Potencial que Ayán cualifica de “infinito”.
Para darlle forma a esta iniciativa, botou man da súa experiencia noutros proxectos e, tamén, dunhas boas doses de teimosía: “Se queres emprender tes que ter claro o obxectivo que procuras, porque durante o camiño vas atopar moitas dificultades”. O proxecto consistiu, polo tanto, na creación dunha aplicación móbil, “sinxela e completa”, que permitise ter todo o preciso para levar a cabo o que poderíamos cualificar de viaxe perfectamente preparada e desenvolvida (con toda a marxe natural de imprevistos que de xeito inevitable poden xurdir). O caso é que a través de ePocketGuide achégasenos información, posibilidade de reservar hoteis e actividades de lecer, todo por medio dunha única xanela: a pantalla do móbil. Abrangue ademais, en palabras de Ayán, un “elevado compoñente social que permite, ao igual que aplicacións como FourSquare, compartir coas redes o que estamos a facer ou ver; pero cunha importante diferenza: compartiremos a información só coas persoas concretas que nós mesmos teñamos elixido”. Ademais, serán eles mesmos, as nosas amizades, os que nos digan cales son os mellores lugares para durmir, xantar ou cear. Outra das grandes características de ePocketGuide é que fornece de contidos propios de seu, “amenos e de calidade”, creados por viaxeiros e xornalistas que forman parte do equipo editor da guía. Para Ayán, estamos ante un sistema interno que se asemella máis “a Google ou Nokia cá unha empresa tradicional”, cousa que se debe, sobre todo, ao xeito de xestionar ás persoas, o traballo en computación na nube e a unha filosofía baseada en obxectivos claros.
A guía galega para móbiles ePocketGuide, no punto de mira de viaxeiros, internautas e profesionais TIC
Compartir Este Artigo
