A semana pasada chegaron, por segunda vez e semella que xeito definitivo, boas novas para os usuarios galegos da rede social Twitter. Falamos da posta a disposición da comunidade da versión na nosa lingua do servizo, posible grazas ao gran esforzo dos voluntarios que traballaron arreo para acadar a tradución do mesmo e situar o galego entre os preto de 40 idiomas nos que se ofrece a día de hoxe. As reaccións a esta boa nova non se fixeron agardar, como por exemplo as que veñen da man de A Mesa pola Normalización Lingüística, que foi, precisamente, unha das entidades que máis loitou pola consecución deste logro, mesmo chegando a pedir aos responsables de Twitter que cesara o seu desprezo ao galego.
Para A Mesa, a dimensión da boa nova é especialmente grande e significativa, e máis se temos en conta os tempos que estamos a vivir, cultural e lingüísticamente falando, especialmente pobres e baleiros de boas novas con respecto ao galego. Por este e outros motivos, a asociación que preside Carlos Callón anima ao conxunto da sociedade a escoller a opción galega e felicita ao “amplo movemento social que conseguiu que o idioma do noso país deixase de estar excluído”.
Porén, non todo é motivo de festa, advirte a plataforma. Segundo nos explica o propio Carlos Callón, o galego atópase na dita rede social en evidente adiamento con respecto ao catalán ou ao éuscaro. De feito, lembran, ao mesmo tempo que se daba a coñecer a tradución á nosa lingua (en beta) de Twitter, informábase que o catalán e o éuscaro xa dispuñan de tradución de seu para iOS e Android. Este atraso non é culpa dos voluntarios nin dos usuarios, opina, senón das institucións que nos representan: “O galego chega tarde non por ningún defecto de fábrica nin porque sexamos un pobo inválido para a tecnoloxía nin porque non haxa demanda social; o galego está a chegar tarde porque o idioma do país non conta co apoio do goberno que debería defendelo”. E engade: “O movemento cidadán galego tivo que facer moito máis para conseguir o Twitter no seu idioma que o que tiveron que facer noutros lugares”. Callón considera que a clave de tal diferenza de tratamento é “que nós non temos un goberno que dea a cara pola nosa lingua e pola nosa cultura”.
A Mesa felicita aos voluntarios que acadaron a tradución de Twitter ao galego
Compartir Este Artigo
