A firma galega Desoños, da que temos falado polas súas importantes contribucións aos eidos galegos dos videoxogos e da información sobre urbanismo, está estes días de celebración. O motivo cómpre rastrexalo nun certame internacional, con nome concreto: o Festival Europeo de Publicidade e Humor, tamén coñecido como Smile Festival. A nova edición do certame rematou oficialmente este venres 1 de marzo, cunha gala de galardóns que, grazas a Desoños, tiveron sabor galego. Máis concretamente, o estudio galego levouse o primeiro premio na modalidade de mellor web. O motivo: o desenvolvemento da páxina da cooperativa agraria Delagro.
Este premio, informan os responsables da firma galega, supón o segundo recoñecemento á orixinalidade e o compoñente innovador do devandito traballo, xa que, como lembraremos, tamén obtivo unha distinción nos Premios Innova-G, que outorga a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), como mellor deseño web galego do ano 2012.
Desoños é un estudio con dez anos de experiencia no desenvolvemento de identidade corporativa dando resposta ás necesidades de comunicación das marcas: estratexia, planificación, mercadotecnia, gráfica aplicada, multimedia, publicidade, deseño de espazos e exposicións, envases. O desenvolvemento de sitios web, precisamente, é un deses recursos de comunicación. Esta liña de traballo é unha fonte inesgotable de recoñecementos para a firma galega. De feito, ao devandito cómpre engadir o achegado a través de prestixiosas publicacións como Web Index Design, onde Desoños conta con dez mencións.
O estudio galego Desoños, premiado no Smile Festival pola web da cooperativa Delagro
Compartir Este Artigo
