Xa está á vista a terceira convocatoria das xornadas e obradoiros de desenvolvemento acubilladas na Facultade de Informática da Coruña, da man de Freak´s Party. Falamos da cita FIC OnDev, cuxa nova edición está a presentarse cunha novidade moi a ter en conta polos seareiros e asistentes que anden a procura de novos xeitos alternativos de crear tecnoloxía e horizontes TIC. A novidade en cuestión é unha Jam Party. A cita, que se vai celebrar na segunda semana de abril (coa Jam Party prevista para a fin de semana, nada máis rematar os relatorios e obradoiros), xa ten aberto na Rede prazo de inscrición. Como dixemos, un dos pratos fortes é a Jam Party, na que tamén podemos apuntarnos xa, e cuxo comezo está previsto para o venres ás 20 horas. O remate está fixado para as 16 do domingo.
Ou sexa, que a través desta actividade teremos á nosa disposición case 48 horas de competición e de intercambio de coñecemento e habilidades arredor do desenvolvemento e do deseño. O único que se pide é que se compita por parellas e que os asistentes fiquen in situ no escenario destinado á Jam Party ata o intre do seu remate (aínda que non é obrigatorio). Constará de seis competicións principais (programacións en Android, Python, BackEnd Web e FrontEnd Web, e deseño en 2D e 3D), dúas secundarias (Real Time Batlle e seguridade) e unha vertente de minixogos. Todo isto, como dixemos, enfocado ao eido do desenvolvemento e o deseño. A Jam Party está patrocinada por NomaSystems e os gañadores poderanse levar dous Nexus 4 e un premio máis que a organización desvelará os días vindeiros. Para obtermos a vitoria nesta competición deberemos participar en cada unha das producións principais. Un xurado avaliará os traballos e os 5 mellor situados en cada competición recibiran puntuación (12 o gañador, 9 o segundo, 7 o terceiro, 5 o cuarto e 3 o quinto). Amais de NomaSystems, tamén patrocinan o evento empresas como Softek, Trabe ou Appeiros. En virtude disto, informa a organización, “é posible que os finalistas obteñan algunha entrevista persoal ou algunha recompensa por parte dalgunhas destas empresas”.
A terceira edición da FIC OnDev inclúe unha Jam Party de 48 horas de desenvolvemento
Compartir Este Artigo
