Temos nova plataforma galega de distribución de material tecnolóxico e non queríamos deixar correr a oportunidade de preguntar aos seus responsables polos obxectivos e finalidades da web e, tamén, por eses pequenos-grandes detalles que atopamos nela e que nos indican que houbo un esforzo grande por facer algo diferente, competitivo e que perdurase no tempo. Falamos da plataforma FOGA-Online, canle de venda aberta ao mundo -aínda que con vontade profesional- de servizos vinculados á reprografía, informática, redes, dixitalización, xestión e comunicación. Norman Benzoni, director de Marketing da empresa santiaguesa Foga, responsable deste novo achado de comercio electrónico, foi quen nos puxo ao tanto da filosofía seguida pola plataforma. Unha filosofía, cóntanos, ao servizo do útil. Isto conséguese nin máis nin menos que falando co cliente e escoitando o que nos di. E a Internet, aínda que non o creamos, dáse a isto.
-Foga lanzou a plataforma de comercio electrónico FOGA-Online (fogaonline.es) co obxectivo de presentar algo máis que unha simple tenda de hardware e software. Como se consegue facer algo diferente, particular, singular, no medio dun escenario tan ateigado de actores como é o de Internet? Que diriades que é aquilo que verdadeiramente vos diferenza?
-Certamente, consideramos que FOGA-Online ofrece elementos diferenciais de valor para os nosos clientes. Potenciar unha plataforma de venda online sen elementos singulares, nun panorama tan masificado, representaría limitarse a un papel de “actor secundario” que unha empresa como a nosa non está disposta a asumir. Nese sentido, podemos dicir que dous son os factores principais que nos diferencian, a transparencia e a filosofía de empresa de servizos. A transparencia de FOGA-Online é un diferencial se nos comparamos coas outras empresas de servizos integrais da comunicación que actúan no mercado galego. Nese sentido somos, por exemplo, a primeira empresa do sector que se decidiu a publicar en internet os PVP dos seu equipos reprográficos vinculados a contrato de mantemento.
-Facéndonos un balance breve da vosa experiencia de distribución de tecnoloxía e servizos a través da Rede. Está a ser positiva? Será positiva en breve? É posible, para unha empresa galega (non emprazada, a priori, preto dos principais eixes de actividade e fluxo de coñecemento TIC), facerse un oco firme entre os grandes axentes do comercio electrónico?
–Máis que como “positiva”, poderíamos describir a nosa experiencia como “inevitable”. A experiencia de FOGA-Online é claramente positiva porque nos permite atender mellor os nosos clientes actuais e gañar novos clientes reducindo as limitacións espaciais e temporais que caracterizan a venda directa. Pero se definimos FOGA-Online como unha experiencia “inevitable” é porque non podemos esquecer que a nosa compañía deseña e comercializa plataformas de venda online. Para cumprir as expectativas dos nosos clientes nesta liña de negocio, a propia experiencia é un valor incuestionable.
-En que servizos e equipamentos se centra a vosa plataforma FOGA-Online? A quen se dirixe, principalmente, e cal é a área xeográfica que cobre?
-No relativo á área xeográfica, FOGA-Online é unha plataforma que nos permite operar a nivel estatal, salvando certas limitacións xeográficas que existían de maneira efectiva para a venda dalgúns dos nosos produtos. No relativo ao tipo de cliente, a web, como a nosa empresa e os nosos produtos, está pensada para dar servizo profesionais.
-Polo que respecta a marcas, que se canaliza a través da vosa web de venda e asesoramento? Hai unha intención concreta na elección de determinadas marcas en detrimento de outras?
-A selección específica de marcas para FOGA-Online é inexistente. Os produtos que se comercializan vía web son os dos partners principais da nosa compañía. Nese sentido, consideramos que pouco ou nada hai que buscar cando se leva anos traballando con líderes da tecnoloxía e a innovación como Kónica Minolta, Samsung, Fujitsu ou Brother. A nosa dilatada experiencia e o sabérmonos servizo técnico oficial das nosas marcas son o fundamento da nosa elección.
–Dende o punto de vista do acceso e do manexo da vosa plataforma, que destacariades de FOGA-Online?
-Principalmente o que consideramos que debe esixirse a unha plataforma deste tipo. Darse de alta como cliente e fácil e implica un desconto na primeira compra, hai diferentes vías para localizar ampla información sobre os produtos e, como dixemos, o cliente pode solicitarnos solucións a medida de maneira áxil e sinxela. FOGA-Online está pensada para facilitar información, comprar con facilidade facer o seguimento do estado do pedido unha vez efectuada a compra.
-O panorama económico crítico polo que estamos a pasar ten algún tipo de resposta nas vosas ofertas e na vosa actividade? Dito de outra maneira: podemos agardar que nas vosas achegas haxa sempre a posibilidade de atopar produtos ou servizos para tódalas economías, incluídos produtos e servizos accesibles para os profesionais e as empresas en situación máis complicada?
–Por suposto. A web conta cunha sección de oportunidades con prezos realmente inmellorables. Ademais de reducir custos adquirindo packs de produtos ou aproveitando ofertas especiais, os usuarios poden acceder tamén a produtos usados de calidade que contan cun ano de garantía. FOGA-Online ten produto para todas as tipoloxías de cliente, sexan cales sexan as súas necesidades ou os seus recursos.
-Que nos ten preparado FOGA para un futuro próximo? Con que nos vai sorprender en materia de innovación e busca de novas respostas para a crecente listaxe de demandas dos clientes de produtos e servizos relacionados co tecnolóxico-dixital?
-Aínda que sería precipitado proceder xa ás presentacións “en sociedade”, si podemos avanzar que FOGA fará apostas pola innovación neste ano 2013. Haberá apostas no reforzo da comercialización online, pero tamén na modernización dos servizos que actualmente presta a compañía. En FOGA queremos, cada ano, ser máis e mellores.
FOGA explícanos a filosofía da súa plataforma de venda: máis transparencia e máis e mellores servizos
Compartir Este Artigo
