As persoas que sofren Parkinson, unha doenza que en ocasións deriva en problemas de mobilidade e de coordinación psicomotriz, van ter ao alcance da man tecnoloxía para mellorar a súa calidade de vida, co engadido de engadir os factores “a distancia” e máis “en tempo real”. Así nolo contan este xoves (Día Internacional do Parkinson) dende a alianza establecida entre o Consorcio Sanitario Garraf (a través da Fundación Abat), a Universidade Politécnica de Catalunya (UPC) e a operadora Telefónica. Esta alianza está a derivar na universalización (cada vez máis preto) dunha tecnoloxía con feitura de sistema de monitorización e medicación telemática e en tempo real.
O recurso, chamado Help, está formado por un pequeno sensor portátil que capta os movementos do paciente, e unha bomba subcutánea, que administra medicación para o control da doenza. O sensor detecta o empeoramento do paciente e informa ao sistema que, á súa vez, vía móbil, dá instrucións á bomba de fármaco para que aumente a dose e trate os síntomas. Cando o doente mellora, a dose de medicamento que administra a bomba volve á normalidade, sinalan os responsables do proxecto Help. E engaden: “Grazas ao noso recurso, o paciente sempre recibe a dose necesaria en tempo real para tratar os síntomas relacionados coa enfermidade, ademais toda a información do sensor e as reaccións do paciente ante a medicación envíanse a un centro de asistencia, que tamén forma parte do sistema”. Desde este emprazamento de control, os médicos especialistas poderán supervisar os dispositivos a través de Internet e observar a evolución dos doentes que os carrexan, así como interactuar con eles e intervir nos casos en que sexa preciso.
A primeira fase do proxecto xa rematou cunha proba piloto sobre sete pacientes, seis deles en España. As experiencias primeiras en España iniciáronse en novembro de 2012 e finalizaron en marzo de 2013. En catro do seis pacientes apreciáronse “beneficios considerables”, sinalan.
“Arestora”, lembran, “non existe ningún tratamento para estes pacientes que resolva os síntomas xusto cando se producen e, decote, aos pacientes prescríbeselles unha pauta fixa de medicación”. Esta, segundo indican, non abonda para controlar os síntomas en determinados intres e, pola contra, resulta excesiva noutros, “de maneira que os pacientes poden experimentar efectos adversos”.
Este proxecto, recoñecido recentemente pola Unión Europea no apartado de e-saúde, é resultado dos traballos dun consorcio europeo liderado por Telefónica e participado por empresas alemás (HSG-IMIT e Neusta), israelitas (Nevet i Peh-Med), italianas (Telecom Italia e a Universidade de Palermo) e españolas (Telefónica I+D, Universidade Politécnica de Catalunya e Abat).
Colle pulo o proxecto Help para axudar aos doentes de Parkinson con novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo
