No marco do Computex a directiva de Microsoft Tami Reller anunciou hoxe que como parte da actualización de balde a Windows 8.1 os tablets con Windows RT, aparte de Word, Excel, PowerPoint e OneNote, incluirán tamén Outlook 2013 RT, medida coa que buscan mellorar o atractivo dos tablets con Windows RT, pois aplicarase tanto ao Surface RT como a tablets de fabricantes distintos a Microsoft.
Dende Microsoft entenden que os usuarios continúan a demandar ferramentas ofimáticas nos seus tablets, na liña na que apunta un estudio de Morgan Stanley que asegura que o 61% dos compradores de tablets pensan que o Microsoft Office é unha das prestacións de software máis importantes, de aí que queiran reforzar tal puntal engadíndolle unha solución para a organización do correo electrónico, a axenda e o calendario, que é de agardar que tamén chegue a dispositivos con Windows Phone.
Tablets con Windows e pantallas pequenas
Durante o Computex tamén fixo acto de presenza Nick Parker, vice presidente corporativa da división de dispositivos de Microsoft, para amosar toda unha liña de ordenadores, tablets e smartphones baseados en Windows que temos agora no mercado, e que chegarán nos vindeiros meses, destacando a súa integración e experiencia de uso consistente entre pantallas, servindo o evento tamén para dar conta de tablets con Windows con pantallas de 7 e 8 polgadas, entre os que destaca o novo Acer Iconia W3, que conta cunha pantalla de 8 polgadas e procesador Intel, converténdose nun dos equipos móbiles de maior potencial do mercado, por ser capaz de funcionar como un ordenador completo.
