Os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en Informática (unidos baixo as siglas dos consellos que os aglutinan a nivel estatal, CCII e CONCITI, respectivamente), seguen adiante coa súa mobilización a prol da modificación do borrador da futura Lei de Servizos Profesionais, a través da cal, de ficar así, os ditos colectivos ficarían excluídos de importantes garantías, dereitos e recoñecementos do seu labor actual e da experiencia que acubillan tras eles (máis de 25 anos traballando como tales profesións en España). Pois ben, para reforzar estra mobilización e a súa repercusión, puxeron en marcha na plataforma Change.org unha campaña de recollida de sinaturas dirixida a pedir ao Ministerio de Economía que corrixa o devandito borrador co fin de que deixe de excluír á enxeñaría informática do resto de enxeñarías, cousa que suporía “impedir suporá impedir que o país avance e progrese de maneira axeitada”. A campaña xa acadou case 17.000 sinaturas, a día de hoxe.
Segundo fan saber, “esta exclusión restaría garantías á cidadanía, seguiría ocasionando perdas millonarias en proxectos errados por falta de garantías, abocaría a que España siga descendendo nos rankings mundiais sobre a utilización das novas tecnoloxías ou que profesionais de alta cualificación emigren para pór o seu coñecemento ao servizo doutros países”.
Por certo que as mobilizacións e as posicións de rexeitamento á LSP tamén se están a facer notar na nosa terra e a través do labor do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), que sinalaron recentemente que o proxecto de lei suporía un agravio inaceptable respecto ao resto de profesións de enxeñaría e de graves consecuencias. Asemade, manifestaron reiteradamente que a LSP, de non mudarse, degradaría claramente non só ás profesións de enxeñeira e enxeñeira técnica en Informática en si, senón a milleiros de profesionais cunha alta capacitación e formacións específicas e de calidade, recoñecidos internacionalmente e nun sector chamado a liderar o cambio de modelo.
A petición en Change.org para un trato igualitario aos enxeñeiros en Informática acadou case 17.000 sinaturas
Compartir Este Artigo
