Marcos Mata e Fernando Suárez redobran esforzos para esixir que a Lei de Servizos Profesionais garanta o futuro das Enxeñerías en Informática
venres, 10 de maio do 2013
- Fernando Suárez e Marcos Mata, presidentes do CPEIG e CPETIG, respectivamente / Imaxe: Marcus Fernández
Aínda
que non todo o mundo o saiba, este que vivimos é un intre crucial
para o futuro da informática a nivel galego e estatal. En realidade,
é crucial para o futuro das Enxeñerías en Informática, o que a
moitos niveis é practicamente como dicir o mesmo. Así nolo contan
Marcos Mata e Fernando Suárez, presidentes do Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica e Informática de Galicia (CPETIG)
e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
(CPEIG), respectivamente. Con
eles xuntámonos os días pasados para que nos puxeran ao
tanto dun problema ao que non podemos ficar alleos: o problema
dunha lei en desenvolvemento, a Lei de Servizos Profesionais, que
suporía (tal e como está) un gran agravio para os dereitos dos
profesionais que constrúen, cada día, en Galicia e no resto do
Estado, a Sociedade da Información. En xogo non só está o
recoñecemento aos enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en
informática, arestora menosprezados con respecto ao resto das
enxeñarías, senón, como din Suárez e Mata, o ansiado cambio de
modelo económico e produtivo que a cidadanía, cada vez máis
castigada, esixe un día si e outro tamén.
-Código Cero: Os días
pasados escoitáronse na nosa terra, e en toda España, voces en
contra do borrador do proxecto de Lei de Servizos Profesionais que,
impulsado polo Goberno, inclúe unha serie de elementos negativos
para os profesionais TIC, como por exemplo unha nova clasificación
para os estes colectivos, ao deixarse ás Enxeñarías en Informática
explicitamente fóra do conxunto de títulos que darían acceso a
unha profesión de enxeñeiro. Entre as voces de alarma puidemos
escoitar precisamente as vosas, altas e claras. Esta defensa dos
vosos dereitos non é nova, tanto por parte do CPEIG como do CPETIG,
pero se cadra nunca antes se escoitou tan alta. Credes que a ocasión
o necesita? A exclusión da Informática do borrador lexislativo, que
consecuencias tería para a profesión?
Fernando
Suárez: Estou absolutamente convencido de que este é un
momento crucial para o futuro das Enxeñarías en Informática. A LSP
vai cambiar radicalmente o panorama dos servizos profesionais e non
estar no conxunto de enxeñarías nela recollido suporía un claro
agravio ás nosas profesións, degradando claramente non só ás
profesións en si, senón a milleiros de profesionais cunha alta
capacitación e formacións específicas e de calidade, recoñecidos
internacionalmente e nun sector chamado a liderar o cambio de modelo
económico.
Marcos
Mata: Comparto con Fernando a valoración do
momento que estamos a vivir. Ata o de agora, a situación das
Enxeñarías en Informática supoñía unha irregularidade en canto a
que non se estaban a garantir os dereitos que como tal tiñan por
lei. Esta novo anteproxecto de lei pretendería consolidar unha
situación irregular, supoñendo un golpe de graves consecuencias.
-A
nivel galego, habería algunha consecuencia específica? Dito doutro
xeito: afectaríanos especialmente este proceso, dun xeito
particular?
Fernando:
Estamos a falar dunha lei de carácter estatal, co cal as
consecuencias serían para todo o territorio nacional. Sen embargo,
iso non quere dicir que non afecte claramente ao sector TIC galego,
que debe aproveitar as capacidades dos profesionais do noso ámbito.
Marcos:
Esta non é unha lei que debamos mirar dun xeito local, pois as
consecuencias son estatais, trasladándose ó noso entorno, co que
pode supoñer para o sector das novas tecnoloxías e os estudos de
informática nas tres universidades galegas, xa que os estudos de
informática terán menos atractivo para os estudantes.
-Que consecuencias
tería a devandita exclusión para os proxectos que se desenvolven na
sociedade? Veríase afectada a calidade e as garantías das grandes
iniciativas con compoñentes tecnolóxicos?
Fernando:
De seguro que así sería. Dificilmente podemos imaxinar algún
sector ou ámbito dunha sociedade moderna na que os sistemas
informáticos non teñan unha presenza transcendental. Pensemos en
sistemas de control de todo tipo de tráfico (aéreo, ferroviario,
…), sistemas no ámbito sanitario, control de infraestruturas
críticas como poden ser as centrais enerxéticas, os sistemas das
administracións públicas…. Estamos a falar de compoñentes cunha
criticidade altísima e nos que se carecería da capacidade de
liderado de persoas coas competencias, capacitación e formación que
garanten as nosas profesións.
Marcos:
A total falta de regulamento dos proxectos informáticos fai que
actualmente non exista ningún tipo de control ou responsabilidade
sobre os mesmos. Todos estamos afeitos a ler a frase de “fallo
informático” e dá igual se as consecuencias son que os estudantes
se queden sen unha merecida bolsa por un fallo no sistema, que as
administracións invistan millóns de euros en proxectos que non
poden poñerse en produción, que os pasaxeiros dun avión queden en
terra ou se vexan afectadas infraestruturas críticas como a enerxía.
As consecuencias poden ser económicas, sociais ou incluso afectar á
saúde das persoas, pero non se esixen responsabilidades. Cruzarías
co teu coche unha ponte que non superase as probas de carga e sobre a
que ningún enxeñeiro se fixese responsable? A sociedade debe saber
que os sistemas que controlan os nosos datos persoais, de saúde,
etc. non contan con ningún tipo de regulación, e polo tanto de
control. Esta lei, no seu texto actual, suporía a confirmación
deste modelo de autoregulación, que deixa que sexa o mercado o que
estableza os niveis de calidade e seguridade necesarios en calquera
sistema informático, o que provocará que se primen os beneficios
económicos respecto ao investimento preciso para garantir a calidade
e seguridade dos sistemas.
-Dicía
recentemente Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría
en Informática de Ourense, que de confirmarse esta redacción,
suporía que as profesións de
Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría en Informática
poderían quedar fóra do recoñecemento profesional que merecen tras
máis de 25 años de desenvolvemento en España.
Estades de acordo con ela?
Marcos:
Por suposto que é así. Esta lei, de confirmarse o texto que está a
difundirse, suporía o peche ao recoñecemento que as Enxeñarías en
Informática veñen demandando merecidamente e que ata o de agora só
podía entenderse como unha vulneración dos dereitos que a lei lle
recoñecía.
Fernando:
Totalmente de acordo con Ana. As Enxeñarías en Informática
contan coa madurez suficiente no noso país como para ser
competitivas a nivel internacional. Esta presunta exclusión suporía
unha falta de recoñecemento por parte das autoridades que son
responsables de garantir o progreso e calidade de vida no noso país.
Non ten ningún sentido estar a formar profesionais cunha altísima
capacitación aos que posteriormente non se lles recoñeza unha valía
profesional.
-A que credes que
responde este cambio de rumbo no tratamento dos profesionais da
informática? Ten que ver coa crise económica que estamos a vivir?
Ten que ver cun sistema socioeconómico, o español, que non valorou
como se merecía as profesións que representades e, polo tanto, non
puído evitar que o tecido económico dependese de máis duns
sectores que inevitábelmente levaron o país á crise? Dito doutra
maneira e de xeito resumido: a que atribuídes o feito de que nos
últimos anos os lexisladores estean a menosprezar ás enxeñarías
en Informática?
Fernando:
En absoluto ten que ver coa crise. A LSP propón unha aposta
liberalizadora, que non entramos a valorar en ningún momento.
Tampouco se trata dun cambio de rumbo, xa que ata o de agora, xunto
coa enxeñaría química, eramos a única enxeñaría con ausencia de
regulación Só se trata de reclamar algo que entendemos que é de
xustiza que é a igualdade de trato co resto das enxeñarías. Esta
exclusión supón un claro menosprezo e falta de coñecemento da
potencialidade que teñen unhas profesións e uns profesionais nun
contexto de cambio de paradigma económico, no que a economía do
coñecemento ten que liderar a saída da crise. Entendemos que a ese
descoñecemento dos poderes políticos se une unha falta de
asesoramento en materia de modernización, fomento da competitividade
e innovación.
Marcos:
Engadiría á resposta de Fernando que os lexisladores están a
confundir a liberalización coa desregularización, e apostando dun
xeito agresivo polo segundo, están a aproveitar a situación de
indefensión actual dos enxeñeiros en Informática. Cando o
obxectivo debería ser o recoñecemento e posta en valor destes
profesionais e a aposta pola calidade, e a regulación no caso dos
sistemas críticos, parece que o que se está a pretender é todo o
contrario.
-De manterse o texto
actual na LSP, ¿en quen recaería a responsabilidade das
infraestruturas de información e comunicación?
Fernando
e Marcos: Habería que ver a segunda parte da
reforma, na que se establecerán modificacións no que atinxe ás
reservas de actividade. Pero de manterse este texto o único claro é
que os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en informática non
teríamos competencias neses ámbitos, o que a todas luces é unha
verdadeira incoherencia.
-Os numerosos agravios
cara a profesión informática en España, ¿poderían levar aos
mellores profesionais do sector a emigrar en busca de recoñecemento?
¿Estamos a deixar fuxir a excelencia?
Fernando:
A falta de recoñecemento profesional é un claro motivo de fuga de
coñecemento e excelencia ao estranxeiro. Hai non moitos días, Mark
Zuckerber, fundador de Facebook, e quen a pesares da súa xuventude
ten unha grande influencia en moitas decisións de calado nos Estados
Unidos, facía unha reflexión sobre a economía do pasado século,
baseada principalmente nos recursos naturais, a maquinaria industrial
e a man de obra, e a economía actual, baseada no coñecemento e nas
ideas. Neste novo paradigma económico os recursos máis importantes
son as persoas con talento que podemos educar e atraer cara ao noso
país. Unha economía do coñecemento pode medrar máis, crear
mellores postos de traballo e ofrecer mellor calidade de vida para
todos. Agardo que os nosos responsables políticos recapaciten sobre
isto e se decaten das consecuencias da posible fuxida dos nosos
profesionais.
Marcos: Se a unhas
titulacións cos niveis de esixencia da Enxeñaría Informática e
Enxeñaría Técnica en Informática e cos excelentes profesionais
cos que conta non se lle recoñece nin sequera ao
nivel do resto das enxeñerías, está claro que non serán poucos os
que o busquen noutros estados próximos, onde si se está a por en
valor esta profesión. Isto suporá unha descapitalización do
activo máis importante co que contamos, profesionais altamente
capacitados, e que afectará con toda probabilidade ós máis mozos e
emprendedores.
-Hai volta atrás no
texto actual da LSP? Credes que se pode facer algo? Cal credes que
sería, con referencia ás profesións que representades, un borrador
da Lei ideal, algo co que de verdade ir comezando e construíndo en
clave positiva?
Marcos:
Hai que ter en conta que falamos dun borrador, e como tal dende
os Consellos cremos que se está a tempo de corrixir o que sería un
erro moito máis difícil de arranxar no futuro. En primeiro lugar a
Lei non pode deixar fora das Enxeñarías á Informática, coma
sucede no borrador que está circulando, en concreto na súa
disposición adicional segunda. Ese sería o primeiro cambio
necesario e que deixaría as Enxeñarías en Informática na
situación de igualdade que estamos a reclamar e que nos permitiría
seguir traballando pola profesión.
Fernando:
Dende logo que si que hai volta atrás. O que estamos a manexar é un
borrador que aínda non está aprobado, polo que hai tempo antes da
súa tramitación parlamentaria. O que pedimos é sinxelo e penso que
de xustiza: que incorporen as profesións de Enxeñaría e Enxeñaría
Técnica en Informática á listaxe na que se enumeran as enxeñarías
e, xa que logo, teñen un trato común e igualitario.
-As reclamacións e as
mobilizacións, están a ter igual repercusión no resto de España?
Estades, neste senso, en conexión cos restantes órganos colexiados
rexionais e estatais?
Fernando:
Esta é unha reclamación con carácter nacional e na que estamos
unidos, non só os dous consellos de colexios de enxeñaría e
enxeñaría técnica dos que Marcos e máis eu somos representantes.
Temos unidade de acción tamén coa CODDII (Conferencia de Directores
e Decanos de Enxeñaría en Informática) e coa RITSI (Reunión de
Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática),
cos que estamos a traballar ombro con ombro acudindo en conxunto ás
distintas reunións que estamos a manter cos Ministerios implicados
neste asunto.
Marcos:
Dende o primeiro momento, os Consellos Xerais de Colexios
(CONCITI, do que son presidente, e CCII, que representa Fernando como
vicepresidente) están coordinando tanto a resposta dos colexios
profesionais, como o contacto con estudantes e universidades. A
repercusión é global, como pode apreciarse nas redes sociais ou en
xestos como a recollida de sinaturas de apoio ao trato igualitario na
LSP ás Enxeñerías en Informática, que acadou en poucos días máis
de 15.000 sinaturas.