Cando o sucesor de Megaupload, MEGA, chegou ofrecendo 50 Gb de almacenamento de balde (xunto con servizos de pagamento con 500 Gb, 2 Tb e 4 Tb de capacidade por 9,99, 19,99 e 29,99 euros/mes respectivamente), iniciou unha carreira polos almacenamentos en liña masivos á que nas últimas semanas sumouse Shared.com, ofrecendo 100 Gb de capacidade de balde (con publicidade) con contas Premium (sen anuncios) de 1 Tb por 9,95 dólares/mes e capacidade ilimitada por 24,95 dólares/mes, condicións moi difíciles de mellorar e que polo momento teñen como principal eiva que só están dispoñibles vía web (é de agardar que xurdan aplicacións móbiles ao seu redor como tamén aconteceu con MEGA).
Este novo servizo web integra barra de busca e opcións de visualización (reproducir MP3 e ver documentos PDF) e permite compartir os contidos que subamos dun xeito doado. O atractivo deste tipo de solucións é moi grande e, precisamente por iso, durante estas datas está a experimentar incidencias no seu funcionamento (servizo fóra de liña, erros ao subir ficheiros de grande tamaño…) pero é de agardar que nunhas semanas funcione con normalidade e poidamos gozar así dun lugar máis que poder empregar de almacén en liña, pagando ou non segundo as nosas necesidades.
Shared.com ofrece 100 Gb de almacenamento en liña de balde
Compartir Este Artigo
