A utilidade do Administrador de dispositivos Android que facilita a localización do noso tablet ou móbil en caso de perda é innegable, e os usuarios que gozan de dispositivos alleos ás distribucións oficiais de Android distribuídas por Google tamén queren gozar dese tipo de prestacións, de xeito que dende CyanogenMod anuncian unha solución semellante a través dun sistema de contas que o usuario pode crear de xeito totalmente opcional e que, sen almacenar ningún contrasinal nos servidores de CyanogenMod, facilita o acceso remoto aos nosos dispositivos para localizalos ou borrar todos os seus contidos (incluíndo os da tarxeta de memoria).
Deste xeito, os usuarios dunha ROM personalizada non terán que prescindir dun servizo que para moitos resulta fundamental, á vez que confían nunha solución de código aberto que esperan que no futuro poida incorporar novas funcionalidades de xestión remota. Polo momento esta funcionalidade non está integrada nas últimas versións das ROM de CyanogenMod, pero xa está publicado o seu código, polo que é de agardar que vexa a luz tras pasar un pequeno período de probas.
CyanogenMod facilitará a localización e borrado remoto de dispositivos coas súas ROM
Compartir Este Artigo
