A Internet sáenos ao paso unha vez máis. Ou, o que é o mesmo: a vida imita á Rede. En base a isto, que ninguén se estrañe se o vindeiro 21 de setembro a zona comercial Centro Príncipe de Vigo lle lembra en moitos dos seus detalles a unha rede social. Máis polo miúdo, a unha rede social sobre e para tendencias. Leas aparte, sinalar que a cidade galega será o emprazamento da xuntanza I am a fashion blogger, un evento que, como seu propio nome indica, vai dirixido a xuntar internautas seareiros da moda que, ademais, teñan caderno de seu onde dar renda solta aos seus gustos, opinións e mesmo creacións.
Segundo se nos avanza, haberá todo tipo de actividades, mesmo degustacións, entrega de agasallos e descontos en produtos. Tamén haberá certames, como o Concurso ao Mellor Look, no que poderemos concorrer logo dunha peregrinaxe polos establecementos adheridos buscando os adobíos perfectos para tal ocasión (teremos que mercar polo menos dous produtos). Amais desta selección da mellor fasquía (concurso que se vai resolver sobre as 19.30 horas), tamén haberá un certame para elixir o mellor caderno de bitácora, evento que fará imprescindible que as blogueiras e blogueiros formalicen a inscrición e presenten polo miúdo cadansúas propostas. As inscricións poden realizarse ata este xoves 12 na páxina de I am a Fashion Blogger.
Vigo acolle o día 21 o encontro bitacoreiro I am a fashion blogger
Compartir Este Artigo
