Seguimos a dar conta de actividades concorridas arredor da programación aberta. Se hai uns días informamos da inminencia do DrupalCamp e máis das novas accións da Comunidade O Zulo pola banda de Mugardos (a pasada fin de semana), agora é a quenda de falar do que se prevé o meirande evento internacional sobre o software libre Chamilo LMS. Cóntanolo a empresaria galega Noa Orizales, a maiores coordinadora de comunicación da Asociación Chamilo, que é o colectivo sen arela de lucro que xestiona dende 2010 o proxecto libre do mesmo nome, un sistema de xestión da aprendizaxe con máis de seis millóns de usuarios en máis de 180 países de todo o mundo.
A asociación veu organizando eventos anuais como o vindeiro de Madrid cunha finalidade dupla: estimular o intercambio de ideas e a creación de ligazóns entre os membros da súa comunidade, e achegar o proxecto a todas aquelas persoas que aínda non o coñecen. Deste xeito, os próximos 17 e 18 de outubro a Universidade Carlos III de Madrid será o escenario do Día do Usuario de Chamilo, unha edición que segundo nos confirma Noa, será a máis internacional das organizadas ata este intre. Asemade, a convocatoria constitúe o debut en España da asociación, que achegará aos asistentes “un completo programa de charlas, mesas redondas arredor de temas candentes do software libre, obradoiros prácticos, cursos de certificación e un espazo destinado ao networking entre todos os participantes”.
A organización do evento, coñecido coloquialmente como Chamiluda (do inglés Chamilo Users Day), puxo a disposición de todos os interesados en participar unha web na que se detalla como inscribirse para asistir ao evento e na que tamén é posible consultar o programa dos dous días que conforman esta cita anual.
Madrid acollerá en outubro a meirande xuntanza internacional sobre o software Chamilo
Compartir Este Artigo
