Entre as novidades que achegarán os móbiles Lumia coa vindeira actualización de Windows Phone 8 estará a posibilidade de que na pantalla de vista rápida poida colocarse unha imaxe de fondo, ampliando o nivel de personalización dos móbiles, o que xa poden facer os posuidores de móbiles Lumia que contan con tal opción (o que deixa fóra o Lumia 520 e o Lumia 625) a través da publicación en probas como aplicación independente (antes da súa integración no sistema operativo de Glance Blackground a través dos Nokia Beta Labs.
Esta ferramenta permite elixir entre ata 4 imaxes para colocar como fondo da pantalla de vista rápida, que poderemos seleccionar entre unha serie de imaxes pre-cargadas ou de calquera imaxe que teñamos no móbil (permitindo que as sometamos a certas optimizacións a través dun editor de imaxes que inclúe unha serie de efectos predefinidos).
Esta nova funcionalidade é moito máis complexa do que poderiamos deducir nun primeiro momento, pois dende Nokia queren que o feito de amosar unha imaxe que vaia máis aló de presentar a hora e o nivel de carga do móbil non afecte seriamente á autonomía do terminal nin provoque o queimado de píxeles en pantalla. O aforro de batería realízano debuxando só a metade dos píxeles en vertical nas pantallas LCD e en horizontal nas pantallas AMOLED; mentres que para evitar o queimado de imaxes na pantalla cada hora os píxeles que se iluminan no modo vista rápida altérnanse.
Esta ferramenta en probas pretende comprobar o seu funcionamento nos distintos dispositivos para os que está dispoñible, así como abrirse a suxestións sobre o uso que debería facerse no futuro da pantalla de vista rápida.
A pantalla de vista rápida dos Nokia Lumia amosará imaxes de fondo
Compartir Este Artigo

