Os soportes dixitais están a revolucionar o xeito de consumir a prensa, e publicacións como o diario El Mundo levan un tempo experimentando coas novas posibilidades, entre as que destacamos hoxe a posibilidade de que o xornal non se limite a unha edición diaria, senón que tamén poda contar cunha edición vespertina como acontece nalgún país incluso en edicións impresas.
Deste xeito, dende hoxe os usuarios de plataforma de distribución dixital Orbyt poderán facerse a partir das 18:00 horas con El Mundo de la Tarde, edición do diario El Mundo que estará dispoñible de luns a venres en forma de aplicación para iPad (máis adiante tamén contará con versión para outras plataformas) onde se recollen os contidos que van chegando á redacción de El Mundo dende a saída da edición do día do diario (ou sexa, entre a madrugada e as seis da tarde).
Estamos ante un achegamento ás novas que dista bastante do formato de Orbyt (que busca conservar o formato da edición impresa do xornal) ofrecendo os contidos coa vista posta nos tablets, tanto na súa organización como na incorporación de vídeos, imaxes e mesmo podcasts. Non esquece as tiras de prensa e os pasatempos interactivos.
Para que o público poida coñecer esta nova publicación dixital de El Mundo, o diario está a distribuír códigos promocionais que permiten o seu acceso de balde durante a presente semana (pasado ese tempo, o prezo do servizo será de 4,99 euros/mes).
O diario El Mundo estrea unha edición dixital de tarde
Compartir Este Artigo

