A empresa de Tecnópole (Ourense) Contact Comunicación presenta esta semana a súa aplicación móbil Orama na edición número once da Conferencia Internacional da Asociación de Parques Tecnolóxicos de España (APTE). A cita desenvólvese en Xixón entre o mércores e o venres e, segundo informan fontes do complexo empresarial ourensán, ten como temática central a exposición de novos recursos dirixidos ao desenvolvemento das cidades intelixentes, recursos dos que forma parte por dereito propio a tecnoloxía Orama (iniciativa elixida para ser presentada tras un proceso de escolma nos parques tecnolóxicos españois).
Como lembraremos, a ferramenta de Contact é un sistema de promoción de actividades socioculturais a través das novas tecnoloxías que foi desenvolvido no marco do plan financiado polo Ministerio de Educación para modernizar os procesos de comunicación dos entes que organizan actividades deste tipo. Unha das principais vantaxes desta ferramenta é que permite diminuír o enorme custo económico e medioambiental que supón imprimir miles de folletos. En segundo lugar, contribúe a erradicar o problema que supón o empapelado de paredes de edificios e outros elementos do mobiliario urbano con carteis. O sistema posibilita, dende calquera dispositivo conectado, crearmos un perfil propio para dar a coñecer eventos na nube, sendo publicados de xeito automático nunha aplicación desenvolvida para os dous principais sistemas operativos móbiles.
A tecnoloxía Orama, que como recordaremos foi presentada no salón Culturgal (cuxa nova edición xa se albisca cada vez máis preto, en Pontevedra), salienta en definitiva como un recurso que facilita a consulta de información sobre eventos e actos culturais que teñan lugar na nosa contorna máis próximo coa vantaxe de poder facer tal practicamente en calquera momento e lugar por estar baseado nunha aplicación móbil dispoñible tanto para iPhone como para dispositivos con Android (solución que aproveita a xeolocalización e a realidade aumentada para acadar os seus obxectivos dun xeito sinxelo e atractivo). Tal e como lembramos daquela, Orama xa colleitou recoñecementos nos últimos anos, sendo finalista na edición de 2011 dos Premio INNOVA-G e recibindo o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC 2011 e o Premio Actualidade Económica ás 100 Mellores Ideas.
A conferencia
Volvendo á XI Conferencia Internacional de APTE, na que tamén participará a sociedade xestora de Tecnópole, dicir que se celebra este ano baixo o lema Cara un modelo de cidade intelixente con datos abertos. Durante os seus tres días de duración, representantes de parques científicos e tecnolóxicos de España asociados a APTE reuniranse co obxectivo de converter esta conferencia nun espazo de análise, debate e reflexión sobre as tecnoloxías que se están desenvolvendo no ámbito das cidades intelixentes, a xestión de datos abertos e a análise dos datos masivos como fonte de negocio, así como fontes de financiamento para este tipo de proxectos e exemplos de entidades de parques científicos e tecnolóxicos que están traballando no seu desenvolvemento. Este ano, a xuntanza xirará arredor da transformación das cidades nas que vivimos en cidades intelixente: urbes con capacidade para acubillar servizos avanzados para a cidadanía que impliquen melloras en ámbitos tan diferentes como a Administración Electrónica, a sustentabilidade ambiental, a eficiencia enerxética no uso de equipamentos e infraestruturas, a redución de emisións e a calidade de vida.
A galega Contact, elixida para presentar a súa tecnoloxía Orama perante os parques tecnolóxicos de toda España
Compartir Este Artigo
