Vindeira Capital Network, por se alguén non o sabe, é unha iniciativa que serve para axudarnos a cruzar a liña entre ideas e realidades a nivel empresarial tecnolóxico-dixital. Dito de xeito oficial: é un foro galego de captación de investimento TIC, posto en marcha polo Cluster TIC Galicia e co apoio directo de Xesgalicia e o IGAPE. O caso é que a nova edición de VCN xa está aquí, e con novidades a ter en conta (máis fondos, empresas biotecnolóxicas e tecnolóxico-audiovisuais concorrendo). De feito, desenvólvese esta semana mesma, do 21 ao 22 de novembro en Compostela. Santiago foi, de feito, a cidade elixida para presentar os obxectivos e o alcance do foro. A presentación celebrouse este mércores no centro sociocultural de Novagalicia Banco na praza de Cervantes, entidade que tamén participa no foro en labores de patrocinio, xunto con R e o Concello de Santiago. Na cita fíxosenos saber que este ano e o vindeiro serán cruciais para a captación de investimento TIC das nosas empresas. O ciclo pechado dos anos recentes ficou atrás -esa crise- e agora o ciclo ábrese. En definitiva, que aos investidores, queiran ou non, non lles queda máis remedio que investir.
No acto celebrado en Cervantes participaron Reyes Leis, concelleira de Economía de Santiago de Compostela; Juan Cividanes, director xeral de Xesgalicia, e Santiago Novoa García, director do Gabinete de Presidencia de Novagalicia Banco. Conducindo a presentación e achegando información cumprida sobre o foro tivemos a Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, quen nos confirmou que nesta convocatoria participan quince empresas galegas tecnolóxico-dixitais, nove das cales proveñen dos procesos da academia de formación de Vindeira Capital Network, catro procedentes do eido da biotecnoloxía (software e aplicacións para os procesos de investigación e desenvolvemento de recursos ligados á bioloxía ou aos fármacos) e as dúas restantes con categoría de convidadas. Amais destas empresas, participan outras quince firmas achegando os seus proxectos en formato dixital, sen presentacións directas e colectivas, para seren estudados polos investidores.
Os responsables de todos estes proxectos van ter un reto importante perante súa: convencer, coa axuda e o asesoramento dos membros do Cluster TIC e de Xesgalicia, aos investidores que acoden ao foro (representantes de máis de vinte fondos de venture capital, capital risco, business angels e investidores privados de toda España) de que teñen entre mans unha boa oportunidade de investimento. Os agoiros, segundo nos confirma Rodríguez del Corral, son moi positivos. Como dixemos, o ciclo de investimento está de novo aberto, logo de que os anos pasados case tódalas billas acabaran por pechar. Facendo un pouco de reconto, cómpre ter en conta que se ben é certo que non segue acada financiamento para tódolos proxectos nas diferentes edicións de Vindeira Capital Network, tamén é verdade que unha boa parte das iniciativas si que o conseguen. De feito, segundo nos confirmou Rodríguez del Corral, “en negociacións cos responsables dos fondos entran a metade dos proxectos presentados e cada ano conséguense entre un e dous millóns de euros para os nosos proxectos emprendedores”.
Esta cuarta edición do foro (VCN’13) presenta como grandes novidades a importante cantidade de fondos convocados e máis o enfoque multisectorial. O evento, informou os días pasados o Clúster TIC, “mantén polo demais o mesmo espírito co que naceu en 2010, que non é outro que o de achegar emprendedores e investidores para favorecer o financiamento de proxectos innovadores de base tecnolóxica, abrindo fronteiras para o tecido emprendedor e empresarial galego, mellorando a súa calidade e competitividade, e ampliando as oportunidades de internacionalización a través do coñecemento e da innovación”.
Estes dous días previstos para o desenvolvemento do foro servirán pois para que os proxectos seleccionados trala Vindeira Venture Academy fagan a súa presentación ante representantes de fondos de capital risco e investidores privados, co obxectivo de obter o respaldo financeiro necesario para lograr que o que, a día de hoxe, son brillantes ideas de negocio cristalicen en proxectos empresariais de éxito.
Nas tres primeiras edicións de Vindeira Capital Network presentáronse un total de 52 proxectos e contouse cunha participación media de 15 entidades de investimento privadas de alcance nacional, ademais de investidores públicos. Este ano contarase novamente coa participación de analistas, conselleiros delegados e directores que representan a fondos e entidades de investimento.
Vindeira Capital Network 2013 contará con máis fondos e máis variedade nos proxectos presentados
Compartir Este Artigo
