A empresa galega Edisa vén de dar a coñecer un novo e importante pulo para a súa actividade de desenvolvemento de software de xestión. E ademais, co engadido de ser un pulo achegado dende a nosa terra. Máis polo miúdo, do que se trata é de que a Universidade de Vigo elixiu (un ano máis) a plataforma Libra de Edisa para a formación dos alumnos das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Comercio e Enxeñaría Industrial. Isto significa, informa Edisa, que arredor dun centenar de estudantes vanse formar este curso con esta ferramenta de raizame galega (Edisa ten sedes en Ourense e Vigo), aos que cómpre engadir os 120 que xa empregaron Libra o curso pasado.
Para a firma que dirixe Carlos Suárez, a nova aposta da Universidade de Vigo significa un importante recoñecemento ás vantaxes e características da ferramenta de xestión empresarial, entre as que Edisa salienta para comezar que se trata dun recurso noso feito por unha compañía de aquí (cun centro de I+D propio na Tecnópole de Ourense), ao que cómpre engadir cousas como as facilidades que pon en xogo para amosar ao alumnado, de xeito práctico, os principais aspectos dos sistemas integrados de xestión empresarial e, ao mesmo tempo, o concepto de computación na nube. Asemade, Edisa salienta o potencial da ferramenta para a elaboración das sesións prácticas, como para a adaptación da ferramenta ás características da empresa hipotética coa que traballan os alumnos.
Segundo fixo saber Ángeles Sandoval, profesora titular da Universidade de Vigo (Departamento de Organización de Empresas e Mercadotecnia), “a experiencia con Libra está a ser moi positiva e os alumnos valoran moito a posibilidade de tocar e traballar na práctica os conceptos estudados nas sesións teóricas”. Ao seu xuízo, “isto facilita a aprendizaxe, estimula o seu interese por estes conceptos e prepáralles para o uso das ferramentas TIC que deberán manexar na súa futura experiencia profesional”.
Edisa celebra que a Universidade de Vigo volva apostar pola súa ferramenta Libra para a formación dos alumnos
Compartir Este Artigo
