O pasado mércores 15 de xaneiro -como xa adiantamos dende Código Cero– tiña lugar no ourensán Parque Tecnolóxico de Galicia a primeira sesión do ciclo Os mércores de Tecnópole, no cal se daba conta dos resultados do estudo presentado por Goal Comunicación sobre a reputación en liña das empresas dos polígonos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Barreiros. A fundadora da empresa autora do estudo, Alba Adá, afirmaba que o 40,75% das 242 empresas situadas nestes recintos industriais non ten páxina web e só o 14,62% conta con algún perfil oficial nas redes sociais, “ao que hai que engadir que só un 3% delas fai un bo uso destas ferramentas”.
Segundo a experta, a deficiente presenza en internet e a práctica inexistencia de estratexias de comunicación e marketing dixital nas empresas da comarca “é un factor que lastra directamente a súa visibilidade e medre”. Adá lembrou que os buscadores, Google á cabeza de todos, son os recursos máis empregados polos internautas para buscar información. O 45% dos casos elixen o primeiro resultado do buscador e o 68% non pasan da primeira páxina.
“A reputación da empresa en internet debe ser unha prioridade”, salientaba a fundadora de Goal Comunicación, unha iniciativa emprendedora que se puxo en marcha hai un par de meses na sala de coworking da Tecnópole. A experta comentou que un dos principais erros que se atopou tras analizar as empresas ourensás é o descoñecemento das oportunidades que poden ter as redes sociais. Neste senso -apuntou- hai que ter en conta que o 70% dos consumidores busca en internet os produtos nos que está interesado para ver as opinións doutros consumidores e está demostrado que isto condiciona a compra de maneira determinante.
Por último, salientar que as empresas que asistiron a esta sesión de Os mércores de Tecnópole recibiron de balde un informe coa análise da súa imaxe corporativa en internet e indicacións prácticas para incrementar a súa visibilidade e mellorar o seu posicionamento na rede. Deste xeito, Goal Comunicación quixo achegarlles aos asistentes unha visión non só práctica, senón totalmente personalizada, do que pode aportar a creación dunha boa imaxe en internet ás vendas dunha empresa.
Os mércores de Tecnópole subliñan a importancia da presenza na Rede para calquera empresa
Compartir Este Artigo
