Vodafone presentou os días pasados un estudo de seu sobre o estado de cousas do tecido produtivo europeo e a relación das empresas e os profesionais coas novas tecnoloxías, unha relación que pon de manifesto que canto máis e mellor emprego de redes haxa, máis posibilidades de éxito haberá. O estudo O futuro conectado das PEME (en pdf) da operadora foi levado a cabo entre máis de de 1.700 pequenas e medianas empresas en seis países europeos e nel saliéntase o incremento na confianza no futuro crecemento, “xunto cun forte compromiso para seguir investindo nas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) co fin de mellorar a produtividade”. O estudo destaca, a nivel estatal, que o 83% das PEME españolas agarda aumentar a súa facturación e rendibilidade para finais de 2015.
Ademais, dise que o 81% dos directivos das pequenas e medianas empresas españolas cre que os seus empregados influirán cada vez máis á hora de elixir os produtos de comunicación e tecnoloxía, así como os servizos e ferramentas que se utilizarán na empresa. Entre as principais conclusións do informe a nivel europeo, ponse de manifesto o seguinte:
· Aproximadamente a metade das PEME enquisadas son máis sólidas que hai dous anos.
· O 80% dos profesionais están seguros de que a súa empresa medrará nos próximos dous anos.
· O máis alto nivel de confianza na saída da crise vén de dous dos países máis duramente afectados da Eurozona: un 88% das PEME irlandesas e un 83% das españolas.
A investigación da operadora Vodafone afondou igualmente no uso que fan as empresas europeas da tecnoloxía, así como na súa actitude respecto do investimento, de distintos produtos e servizos do TIC. Os investigadores observaron que unha parte cada vez maior das entidades europeas avaliadas prevé aumentar o uso dos servizos almacenamento na nube no futuro, “cunha adopción dos recursos cloud que pasará axiña do 44% ao 60% das PEME en Europa nos vindeiros doce meses”. Tamén descubriron que outras áreas de investimento prioritarias son os smartphones e os servizos 4G e, a maiores, que un 82% das PEME europeas obtivo beneficios empresariais directos do seu investimento previo en TIC. Tamén se viu que unha porcentaxe do 68% ten previsto seguir investindo no TIC para mellorar o nivel e a capacidade de resposta na atención ao cliente, así como realizar prácticas laborais máis flexibles e produtivas.
Andrés Vicente, director da Unidade de Negocio de Empresas de Vodafone España, comentou o seguinte ao respecto das conclusións do estudo: “As pequenas e medianas empresas son a sala de máquinas da economía europea. Atoparse cunha opinión xeneralizada tan positiva é alentador, especialmente nalgúns dos países máis afectados da Eurozona. Tamén é impresionante como as empresas nos pobos e cidades ao longo de Europa comparten o punto de vista de que seguir investindo en tecnoloxía será crucial para a prosperidade no futuro”.
Un estudo de Vodafone sinala un importante medre na confianza nas TIC das PEME europeas
Compartir Este Artigo
