A asociación de novos empresarios AJE-Galicia (AJE-Vigo) vén de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición da Aula de Emprendedores, a primeira de 2014. Esta iniciativa, como lembraremos, busca promover o emprendemento na cidade de Vigo a través de catro obradoiros de natureza práctica que se celebrarán, neste caso, todos os xoves de febreiro. Por certo que tódolos obradoiros tocarán dalgunha maneira a cuestión TIC, aínda que un deles, dedicado ás comunidades 2.0, vaino facer de xeito especialmente directo. Os temas que se abordarán serán mercadotecnia, subvencións, xestión económica e o devandito de redes sociais, todos eles impartidos por empresarios de experiencia.
A presente edición da Aula de Emprendedores, a quinta que se convoca na cidade, é de balde para desempregados e socios de AJE. Segundo nos lembra a asociación, nas catro edicións anteriores participaron máis de 200 alumnos, a maioría deles en situación de desemprego. O prazo de inscrición remata o vindeiro 5 de febreiro e pódese realizar na sede de AJE Vigo, en Príncipe 53, ou a través do correo: orientacion@ajegalicia.es. O obradoiro de mercadotecnia celébrase o día 6, o de xestión económica o día 13, o de subvencións o 20 e o de redes sociais e ferramentas tecnolóxicas de balde para novos empresarios o 27 de febreiro. As actividades formativas impártense nas instalacións de Academia Postal en Vigo.
AJE presenta catro novos obradoiros para novos empresarios sobre mercadotecnia e redes sociais
Compartir Este Artigo
