Este mércores celebrouse en Vigo unha nova xuntanza do Consorcio da Zona Franca para tomarlle o pulso ao proxecto arestora en desenvolvemento para a creación do viveiro de transferencia de tecnoloxía aeroespacial. Na reunión participaron Teresa Pedrosa (delegada) e máis o comité executivo do Consorcio. Pedrosa informou ao comité que a Zona Franca xa dispón das características que debería reunir o edificio que acubille a futura sede do viveiro, tamén coñecido como SBAI. Segundo o estudo de necesidades que está a realizar INCYDE, para axustarse aos estándares da Axencia Espacial Europea, (ESA) “este debería ser un edificio exento, de calidade, sustentable e duns 3.000 metros cadrados de superficie útil e modulable”, sinálase.
Máis polo miúdo, dixo Pedrosa, “a incubadora de empresas tería que aloxarse nun edificio intelixente ou dixitalmente avanzado con servizos comúns como laboratorios, salas de conferencias, de formación e de reunións e estar xestionado por un equipo altamente especializado e cualificado que coñeza a comunidade emprendedora, cun extenso coñecemento das súas necesidades e que teña unha visión clara de como a tecnoloxía espacial pode contribuír ao fortalecemento da PEME”.
Segundo engadiu a delegada, a superficie media das incubadoras europeas é de 3.000 metros cadrados para dar cabida a unhas 20 empresas, “xa que un espazo máis pequeno faría que fose máis difícil xerar economías de escala”. Tamén se apunta que o edificio pode ser de nova construción ou ben de reforma dun existente, respectuoso co medio ambiente, con espazos modulables que garantan flexibilidade de abondo para permitir ás empresas pasar dun tipo de aloxamento a outro a medida que medran. Así, o cento por cento de ocupación non sería necesariamente “o ideal”. Pola contra, engadiu Pedrosa, o nivel óptimo de ocupación nestas incubadoras sería de taxas de entre o 80 e o 90 por cento. Outra característica do modelo de incubadora de empresas da ESA é o fomento da creación de redes entre as propias empresas aloxadas. A delegada tamén fixo saber que sería “idóneo” que a futura sede estivese emprazada nun enclave tecnolóxico, para que as empresas que alí se instalen poidan acceder a axudas e subvencións públicas á I+D+i e, ademais, que o viveiro poida facilitar ás empresas que o precisen naves para comezar o seu proceso produtivo.
O comité executivo ten que avaliar agora as diferentes posibilidades de localización tendo en conta os factores de infraestrutura axeitada, racionalización do gasto e prazos axustados para ter todo disposto a 31 de decembro de 2015. Lembra que esta é a data de vencemento do investimento dos dous millóns de euros de subvención europea.
O Consorcio da Zona Franca perfila xa as características principais do futuro viveiro aeroespacial de Vigo
Compartir Este Artigo
