Apple quixo celebrar dun xeito especial que o pasado día 24 cumpríanse 30 anos do lanzamento do primeiro ordenador Mac, polo que en tal data mandaron a 15 equipos de gravación a localizacións de todo o mundo, coa encarga de rexistrar varios vídeos cun cento de terminais iPhone 5S para montar logo as 70 horas de metraxe que saíron da experiencia, dando lugar a unha peza audiovisual montada en equipos Mac como un bo exemplo de que pode facerse coa tecnoloxía de Apple.
O encargado de dirixir este vídeo foi Jake Scott, fillo de Ridley Scott, director de cine que dirixira o histórico anuncio de lanzamento de Macintosh en 1984. Para esta produción contaron con recursos propios do cine, de xeito que a proeza deste vídeo resultaría moi difícil de replicar, quedando o feito de empregar móbiles para o rexistro do vídeo nun simple recurso promocional.
O vídeo de menos de minuto e medio recolle imaxes moi variadas, como unha sesión de gravación dunha orquestra en Londres (co director empregando un iMac para monitorizar aos músicos en tempo real), un rapaces en Shanghai controlando os movementos dun robot cun Mac, uns exploradores visualizando e editando as fotografías que tomaron en Botsuana, un amencer en Melbourne, un solpor en Los Angeles, uns arqueólogos en Pompeia, ou uns nenos facendo música cun iPad; diferentes xeitos de amosar os moitos cambios que a tecnoloxía favoreceu nestas últimas tres décadas.
Vídeo producido por Apple para celebrar os 30 anos do primeiro Mac

