A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) e a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) uniron forzas os días pasados para botar man das tecnoloxías no camiño de facilitar á cidadanía determinados trámites relacionados cos vehículos. Máis en detalle, do que se trata é dun convenio de colaboración “que permitirá reducir e facilitar a tramitación que fan os cidadáns no intre de solicitar o cambio de titularidade dun vehículo”. O acordo abrangue a cesión mutua de información a efectos tributarios, “co obxectivo de que os contribuíntes galegos fagan menos trámites neste procedemento”. O convenio inclúe a eliminación do soporte papel e unha aposta integral polos formatos electrónicos.
En concreto, a Axencia Tributaria de Galicia obterá do Rexistro Xeral de Vehículos os datos precise para practicar a liquidación do Impostos sobre Transmisións Patrimoniais (ITP), e unha vez liquidado este imposto xerará un Código Electrónico de Transmisións (CET) que se lle entregará ao cidadán ou ao seu representante. Feita esta operación, o contribuínte “só terá que facilitar este código á DXT no intre de solicitar o cambio de titularidade de vehículo”. Lembrar que tradicionalmente o procedemento obriga aos cidadáns a levar o xustificante en papel de ter realizado a liquidación do ITP. Agora, a DXT solicitará un código válido ao cidadán ou ao seu representante, e unha vez verificado procederá ao cambio de titularidade e á emisión dun novo permiso de circulación. O convenio, indícase, está operativo a partir deste luns. Insírese nunha colaboración mutua que debe presidir as relacións entre as Administracións públicas e de acordo co principio de lealdade institucional recoñecido nas leis.
ATRIGA e DXT apostan polos formatos electrónicos para facer máis doado o cambio de titularidade nun vehículo
Compartir Este Artigo
